+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019

Educación anuncia o inicio do procedemento de recuperación integral da aula-taller do IES Pedra da Auga de Ponteareas destruída por un incendio


O xefe territorial de Cultura e Educación de Pontevedra, César Pérez Ares, trasladou esta nova ao equipo directivo engadindo que xa se solicitou á Consellería o material necesario para que se poidan impartir as clases na aula anexa

O xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, mantivo unha reunión co equipo directivo do IES Pedra da Auga de Ponteareas a quen lle trasladou o inminente inicio do procedemento para a recuperación integral do aula-taller que resultou incendiada hai un meses.

A Xefatura Territorial informoulles de que se están a cumprir tódolos requisitos legais para poder executar a obra que terá un custo de 215.000 euros e que poderá estar rematada a finais de xuño deste ano.

“Xa procedemos a encargar o proxecto técnico, e en canto estea listo comezará o período de licitación e adxudicación das obras”, explicou Pérez Ares, quen aproveitou a reunión para recoller varias propostas técnicas aportadas polo equipo directivo e que serán trasladadas á Unidade Técnica da Xefatura Territorial de cara a súa avaliación e posible aplicación no proxecto de reforma.

Ao mesmo tempo, tamén se deu traslado á Consellería de Educación da necesidade de material didáctico para que se poidan impartir con normalidade as clases na aula anexa. Ademais, a Xefatura Territorial tamén instou á compañía de seguros a que aporte, no prazo máis curto posible, os custos das reparacións de diversa maquinaria que se viu afectada polo lume e que debe ser incorporada ao centro.

Dende a Consellería de Educación trasladouse ao equipo directivo a comprensión polas molestias que está a causar a actual situación e que se debe a un incidente alleo á administración autonómica e ao propio centro, “pero que obriga ao cumprimento dunha serie de normativas legais”, engadiu César Pérez, “polo que solicitamos á comunidade educativa que entenda a situación e que saiba que estamos a traballar en todo o que podemos para atallala, polo que agardamos que os alumnos que hoxe se manifestaron por este feito, regresen canto antes ás aulas”.

Deja un comentario