+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

Cores Tourís anuncia o próximo inicio da mellora do tramo do Camiño Portugués que descorre por Arcos da Condesa (Caldas de Reis)


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mantivo esta mañá unha reunión con representantes desta entidade local e co portavoz do PP na localidade, Manuel Cortés

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión co portavoz do PP de Caldas de Reis, Manuel Cortés, e o representante desta formación na entidade local de Arcos da Condesa, Juan Baamonde, co obxectivo de trasladarlles o inicio inminente das obras de mellora do tramo do camiño portugués que atravesa esta zona.

Os representantes do PP de Caldas de Reis trasladaran recentemente ao delegado territorial unha demanda dos veciños desta parroquia de Caldas de Reis ante o mal estado que presenta esta vía por onde transitan non só os habitantes da zona, senón tamén numerosos peregrinos que “en ocasións ata teñen que desprazarse á estrada nacional para continuar o seu camiño ante a imposibilidade de atravesar esta vía”, explicou Manuel Cortés, quen engadiu que tamén presentaron esta solicitude ante o concello, sendo a Xunta a quen deu resposta as súas demandas.

De feito, o delegado territorial trasladou o inicio inmediato das obras de mellora desta estrada ao longo de medio quilómetro, para dar resposta tanto aos veciños residentes no lugar como aos peregrinos do Camiño Portugués a Santiago de Compostela.

En concreto, as obras de mellora levaranse a cabo dende o lugar de Foxacos ata a capela de Santa Lucía en Ameal, e suporán a mellora do firme o que facilitará o tránsito dos peregrinos así como un acceso digno as súas vivendas e fincas que existen as beiras do mesmo. Os veciños solicitaron que, ademais, da mellora do asfaltado, tamén se leve a cabo a canalización das augas que proceden das zonas altas, concretamente da estrada N-550, co obxectivo de evitar que sexan as escorrentas as que volvan a danar o camiño, como xa ocorreu no pasado. “Deste xeito, eliminaranse os baches e executaranse cunetas, o que permitirá solucionar este problema da canalización das augas pluviais”, rematou Cores Tourís.

Deja un comentario