+034 986 09 02 04 Martes 24 de Novembro de 2020

A Deputación e o concello de Silleda traballarán en conxunto para executar a urbanización do contorno do futuro Centro de Día


Uxío Benítez anunciou que os técnicos provinciais e os arquitectos do novo equipamento reuniranse para deseñar un espazo de mobilidade peonil que integre o novo edificio e permita aos usuarios unha conexión segura co núcleo urbano

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse hoxe co alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e mostrou a disposición da Deputación para transformar a estrada provincial que pasa por diante da parcela do futuro centro de día nun espazo de prioridade peonil que integre o novo edificio. «Hai que traballar en conxunto para transformar esta estrada provincial na que hai prioridade dos vehícul0s nunha estrada na que se potencien os tráficos peonís e que haxa itinerarios seguros para que os usuarios e veciños poidan chegar camiñando ata o centro da vila», explicou.

Benítez comprometeuse a que a Deputación estudiará as posibilidades de execución da reurbanización da estrada provincial e a viabilidade de incluíla en próximos plans de investimento provinciais. Neste sentido, subliñou que a idea que plantexa o Concello de Silleda cumpre, a falta de estudiala máis profundamente’, co decálogo de criterios de actuación nas vías provinciais que se aprobou recentemente en Pleno da Corporación provincial.

Como primeiro paso xa se organizou unha reunión entre os técnicos provinciais e o equipo de arquitectos encargados do proxecto do centro de día, que aínda non está finalizado. O obxectivo do encontro é buscar que a urbanización interior da parcela do equipamento se deseñe de forma coordinada coa modificación da vía que a rodea, acordando polas dúas partes unha visión global do espazo que cubra as necesidades de mobilidade dos usuarios.

O deputado de Mobilidade sinalou que esta vía requerirá actuacións de redución de velocidade para os vehículos, sinalando a posibilidade de ampliar a zona 30 existente nas inmediacións do campo de fútbol a todo o tramo (dende a glorieta), así como a posible instalación de máis lombos. «Ten que haber unha unión camiñando entre o futuro centro de día e o centro urbano, habilitando rutas peonís seguras ata o lugar», finalizou.

Benítez entendeu que a urbanización do contorno do centro de día é a prioridade fundamental do alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, quen tamén propuxo outras actuacións no viario provincial, como foi a mellora do acceso ós Castros de Toiríz, do vial de acceso á parroquia de Cira, ou da senda dende a estrada N-525 ata o Instituto Pintor Colmeiro.

Segundo manifestou o alcalde tras o encontro co deputado Uxío Benítez e o asesor Jesús Fole, «a reunión foi altamente satisfactoria, onde se trataron temas de moita importancia para o Concello. O principal, a urbanización do entorno do futuro Centro de Día Residencial de Maiores, a obra máis urxente e necesaria para Silleda». O rexedor agradeceu «a boa predisposición do deputado e os técnicos para entre todos acadar unha actuación importante en beneficio de todos os veciños e usuarios».

Lalín
Por outra banda, o deputado de Mobilidade e o asesor provincial tamén se reuniron co alcade de Lalín, Rafael Cuíña, quen plantexou as necesidades en materia de mobilidade no concello do Deza. Cuíña manifestou a súa admiración polo traballo feito no deseño do modelo urbano de Pontevedra e solicitou a colaboración da institución provincial na mellora que o Goberno local quere levar adiante na vila. Neste sentido, Benítez lembrou que a Deputación está a traballar cos concellos para facilitar a redacción de plans de mobilidade en zonas nas que se prevén peonalizacións ou melloras de itinerarios peonís. De feito, apuntou que o primeiro punto do decálogo de criterios para actuar da nova Deputación é centrar nas persoas todas as actuacións que se leven adiante.

Por outra parte, o rexedor lalinense tamén puxo enriba da mesa a posibilidade de crear unha senda peonil que dea conexión á Carballeira de Barcia, actuación que encadraría perfectamente na filosofía do novo Goberno provincial. Entre outras cuestións, tamén se solicitou a mellora doutras estradas provinciais e un correcto mantemento por parte das brigadas da Deputación.
O deputado Uxío Benítez, que visitou varias das estradas provinciais in situ para comprobar o seu estado, agradeceu a cordialidade da reunión e manifestou a disposición da institución provincial a mellorar as infraestruturas do concello lalinense na medida das posibilidades.

Deja un comentario