+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Versos de Rosalía no Museo de Pontevedra para homenaxear o aniversario do nacemento da autora


O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, encabezou a lectura institucional coa que a Deputación de Pontevedra conmemorou, por primeira vez, o Día de Rosalía de Castro
Na lectura participaron unha ducia de persoas representando a diversas institucións entre as que destacou a presenza da escritora pontevedresa e membro da RAG, Fina Casalderrey.
A sala do Museo de Pontevedra na que se expoñen os sete cadros que Ovidio Murguía de Castro pintara para a sala de fumadores do Pazo de Lourizán foi o escenario escollido pola Deputación de Pontevedra para a lectura institucional coa que conmemorou, por primeira vez, o Día de Rosalía de Castro. Participaron unha ducia de persoas, co titular provincial de Cultura e Lingua Xosé Leal ao fronte, e que representaban a diversas institucións relacionadas coa cultura e a literatura. Representando á propia Deputación estaban ademais as deputadas Eva Vilaverde, Digna e o deputado Javier Dios. Por parte do Museo participaron o seu director, Carlos Valle, a bibliotecaria e especialista en bibliografía galega, Ana Barbazán, e as responsables do Gabinete Didáctico, Paula Tilve e Lourdes Parada. Tamén participaron a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, o vicerreitor de Cultura do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, o secretario da Asociación Amigos do Museo, Ernesto Vázquez-Rey Farto, e a escritora pontevedresa e membro da Real Academia Galega, Fina Casalderrey.
“Lembro a primeira vez que tiven a oportunidade de dar clase en galego e entrei na aula recitanto Negra Sombra” foi unha das vivencias persoais que Fina Casalderrey comentou antes da lectura do poema que escollera para esta homenaxe. A escritora escolleu ‘Silencio’ de Follas Novas como un símbolo da vertente reivindicativa da autora de Padrón, da que salientou a súa loita polo idioma dicindo que “Rosalía buscou nas palabras do pobo o galego falante”, así como a súa loita polo papel da muller enfatizando que “moito lle debemos a mulleres coma Rosalía que tomaron a palabra para explicar como vían o mundo”.
Cada persoa participante ademais de ler o poema escollido explicaba previamente o motivo da escolla. Así, Eva Vilaverde leu “Castellanos de Castilla” polas súas lembranzas persoais no colexio por ser “un poema que nos ensinou a ler a propia Fina Casalderrey cando nos deu clase en Moraña”. Pola súa banda, Anxos Riveiro escolleu ‘Xoia’ explicando “e non sei dicir por que, e penso que iso precisamente é o bonito da poesía en moitas ocasións”. Digna Rivas escolleu “Pasa río” referido á emigración, que vinculou directamente coa súa área de Xuventude e a problemática á que hoxe en día teñen que facer fronte as persoas máis novas. Na escolla deste poema coincidiu con Lourdes Parada, que no seu caso o escolleu pola añoranza que lle transmitía e pola relación coa sala na que estaba tendo lugar a lectura, en referencia ao naturalismo pictórico de Ovidio Murguía de Castro. Coa referencia naturalista e o papel da paisaxe tamén se identificou Javier Dios na súa escolla.
Juan Manuel Corbacho, que escolleu “Eu tiven un cravo”, lembrou como cando recén chegado de Alemaña a estudar en Pontevedra lle pedira referencias ao seu decano sobre literatura galega e lle recomendara a Rosalía de Castro. Paula Tilve escolleu ‘San Lourenzo’ pola contraposición entre natureza “e todo aquilo que a corrompe” e por ser tamén o nome da parroquia na que naceu. Ana Barbazán escolleu ‘Dulce sono’ que leu nun exemplar procedente da Biblioteca Sánchez Cantón. Ernesto Várzquez-Rey escolleu un poema sobre o matrimonio para poñer o foco sobre como a autora recollía a problemática social “que deixa ver a pouca capacidade que tiña unha muller para elixir”.
Carlos Valle leu ‘Negra sombra’ despois de explicar o simbolismo do lugar escollido para esta lectura. O director do Museo lembrou que a institución museística de Pontevedra foi unha das impulsoras da creación do Padroado da Fundación Rosalía. Tamén fixo mención a que o Museo de Pontevedra conta cunha biblioteca con primeiras edicións de case todas as obras da autora de Padrón e que é unha referencia en Galiza, ademais de contar coa sala na que se exhiben as sete obras do seu fillo pintor Ovidio Murguía de Castro.
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, rematou o acto lendo ‘Vaguedá’, unha escolla coa que quixo dar conta da “gran variedade temática da obra poética de Rosalía”. Da autora homenaxeada destacou a súa defensa e compromiso coa lingua e reivindicou a súa figura como “poeta nacional”. Xosé Leal tamén foi o encargado de dar lectura ao Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, titulado ‘Rosalía libre e sen medo ningún’ e escrito por Suso de Toro.

Listaxe de persoas participantes e orde de lectura:
1. Carlos Valle.Director do Museo.
2. Anxos Riveiro. Concelleira de Cultura.
3. Eva Vilaverde. Deputada provincial
4. Juan Manuel Corbacho. Vicerreitor de Cultura do Campus de Pontevedra.
5. Digna Rivas. Deputada provincial.
6. Ana Barbazán. Bibliotecaria do Museo e especialista en bibliografía galega.
7. Javier Dios. Deputado provincial.
8. Paula Tilve. Responsable do Gabinete Didáctico do Museo.
9. Ernesto Vázquez-Rey. Secretario da Asociación Amigos do Museo.
10. Lourdes Parada. Responsable do Gabinete Didáctico do Museo.
11. Fina Casalderrey. Escritora pontevedresa e membro da Real Academia Galega.
12. Xosé Leal. Deputado de Cultura.

Deja un comentario