+034 986 09 02 04 Luns 27 de Xaneiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación estudiará como mellorar a estrada provincial de San Vicente do Grove para garantir os tránsitos peonís ás praias e á igrexa


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou que negociará co Concello a fórmula para urbanizar a vía e solucionar o problema existente de seguranza viaria para os peóns, que se agrava na época estival

A Deputación de Pontevedra estudiará como mellorar a estrada provincial de San Vicente do Grove para garantir o tránsito peonil dende o núcleo da parroquia ás praias da zona e á igrexa. A demanda de actuación nesta vía foi recibida hoxe polo deputado de Mobilidade Uxío Benítez e a nova directora de Mobilidade, Isabel Pardo de Vera, nun encontro co alcalde de O Grove, José Cacabelos, e a responsable de Obras e Infraestruturas meca, Ángeles Domínguez.
Na reunión o deputado solicitou que o goberno local do Grove presentase unha solicitude formal para a actuación, que nunha primeira valoración, se acolle ao decálogo de criterios de actuación para as vías provinciais aprobado pola Deputación no último pleno. Unha vez sexa presentado, os técnicos provinciais valorarán a súa viabilidade e estudarán orzamentariamente se pode incluirse no plan de actuacións deste ano. Benítez entendeu que a obra é prioritaria para o rexedor do Grove, xa que a día de hoxe existe un problema de seguranza viaria para os peóns que transitan pola vía, que carece de beirarrúas ou espazos para desprazamentos a pé. A situación, que xa é grave habitualmente (nesta parroqua hai 2.000 veciños) faise insostible durante os meses de verán, cando a poboación medra considerablemente polo número de turistas que se achegan e pernoctan nos hoteis e zonas de acampada.
«Hai que facer un estudo e acordar co Concello o xeito de actuar para que poida convivir o tránsito peonil co uso dos coches na zona de maneira compatible. Hai que buscar un proxecto de urbanización global e ambicioso que non supoña un remendo puntual», dixo Benítez, para engadir que as características da zona, con seccións da estrada moi estreitas, dificultan unha solución sinxela (a instalación dunha beirarrúa ou senda peonil continua), polo que haberá que pensar en profundidade a actuación. Cabe a posibilidade, de feito, de contratar unha asistencia técnica que plantexe diferentes opcións de urbanización. Posteriormente, unha vez realizada a reforma, poderíase valorar a transferencia da estrada ao concello.
Ademais da mellora da estrada provincial de San Vicente, no encontro falouse das diferentes solicitudes presentadas polo Concello do Grove no marco do Plan MOVESE, que se resumen na instalación de pasos de peóns sobreelevados e outros elementos redutores da velocidade nas estradas provinciais. O deputado Uxío Benítez indicou que os técnicos provinciais están estudando as petición, mais que as propostas feitas polo goberno local parecen «acordes cos obxectivos e razonables, xa que buscan reducir velocidade en contornos de centros educativos e con moito tránsito peonil». A aprobación definitiva chegará nas vindeiras semanas.
Cerdedo
Por outra banda, o deputado de Mobilidade tamén se reuníu hoxe co xefe de gabinete do Concello de Cerdedo, xa que o alcalde non puido asistir á xuntanza fixada. O representante local solicitou do nacionalista unha visita oficial ao concello para coñecer in situ a situación das estradas provinciais, así como as prioridades que o Goberno municipal entende que se deben afrontar con máis urxencia.

Deja un comentario