+034 986 09 02 04 Venres 26 de Abril de 2019

Mos presenta o seu programa con motivo do Día Internacional da Muller


A programación deste ano, orientada ó recoñecemento da figura das avoas, leva por título ‘Grazas avoa’

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Política Social mosense, Sara Cebreiro, presentaron hoxe a programación municipal con motivo do Día Internacional da Muller, que este ano se enmarca baixo o eslogan ‘Grazas avoa’.

O programa de actividades comezará o vindeiro martes, día 8 de marzo, co Acto Conmemorativo do Día da Muller, que terá lugar ás 12.00 horas nas instalacións da Piscina Municipal.

O sábado 12 de marzo no Auditorio do Centro Dotacional de Torroso, ás 18.00 horas, a compañía A Tropa de Trapo, contará historias de mulleres guerreiras a través da obra “Contos de nenas grandes e pequenas”, trala que se fará a entrega de premios do concurso infantil de relatos, con entrada libre e de balde ata completar aforamento.

Tamén no Auditorio do Centro Dotacional de Torroso, o domingo 13 de marzo, ás 19.00 horas, representarase, por parte do grupo de teatro das Mulleres en Igualdade de Mos, a función “As Ghaliñas de Mos”, novamente con entrada libre e de balde ata completar aforamento.

O Día Internacional da Muller, conmemorado cada 8 de marzo é recoñe­cido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade.

Concurso Escolar de Textos ‘Grazas avoa’

Sobre o Concurso Escolar de Textos ‘Grazas avoa’ Cebreiro declaraba que “este ano queremos aproveitar esta xornada, para rendir unha homenaxe ás nosas avoas, ás que tanto lles debemos, polo tanto, o obxecto do concurso esco­lar de textos deste ano, consiste en reivindicar a igualdade e facer balance sobre a situación das nosas avoas na sociedade, potenciando deste xeito a creatividade dos nosos escolares.”

Os textos participantes, entregados ata o 5 de marzo no centro educativo, na Biblioteca Municipal ou no Rexistro do Concello, poden estar escritos en galego ou en castelán e en calquera tipo de formato: tanto poético coma narrativo, descritivo, etc. Ademais de texto os rapaces poden engadirlle á súa creación debuxos, ilustracións, fotos, etc. Tamén poden empregar os materiais que desexen: lapis, bolígrafos, rotuladores, etc.; e o tamaño non pode exceder dun folio tamaño A4 por ambos os dous lados. O texto debe ser obra do/a propio/a neno/a, que ten que incluír ao final como mínimo, o seu nome, idade, enderezo, centro educativo e teléfono de contacto. Só se acepta un texto por persoa.

Establécense catro categorías de participación distribuídas en función das idades dos redactores: Categoría I: de 6 a 8 anos, Categoría II: de 9 a 12 anos, Categoría III: de 12 a 16 anos e Categoría IV: de 16 a 18 anos.

O gañador de cada unha das categorías será premiado cun vale por importe de 100 euros para libros e material escolar e un diploma.

O xurado que valorará os textos presentados a concurso está composto por diferentes técnicos/as municipais dos departamentos de Cultura e Política Social e terá en conta sobre todo a calidade e orixinalidade, así como os seus valores e mensaxes.

Deja un comentario