+034 986 09 02 04 Luns 16 de Xullo de 2018

Mondariz e Mondariz Balneario piden unha subvención para un Servizo de Orientación Laboral compartido


 

Os concellos de Mondariz e Mondariz Balneario veñen de asinar un convenio de colaboración de cara a solicitar da Xunta de Galicia a subvención que lles permita poñer en marcha, de xeito conxunto, un servizo de Orientación e Prospección de Emprego, que posiblite mellorar a capacidade de atopar emprego aos veciños e veciñas de ámbolos dous concellos e, ao mesmo tempo, que serva de guía ás actividades emprendedoras que se queiran establecer na zona.

A iniciativa de contar co servizo de Orientación e Prospección de Emprego de xestión compartida para o que se solicita esta subvención, nace do convecemento, tanto do alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, como de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo, de que ante a situación socio económica actual, “é preciso incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas” que, entre os dous municipio, son un total de 574 persoas (531 de Mondariz e 43 de Mondariz Balneario).

Para mellorar a situación destas persoas e, ao mesmo tempo, facilitar a implantación de novas actividades empresariais é necesario, sinalan ámbolos dous rexedores municipais, “contar cun servizo de orientación e asesoramento especializado”. Dito servizo permitirían facilitar, ás persoas desempregadas, o camiño que permita a súa inserción no mercado laboral.

Dispoñer dun servizo destas características permitiría aos dous concellos que contasen cun servizo que evitaría que os potenciais usuarios e usuarias, tiveran que desprazarse ata Ponteareas, onde está o Servizo de Orientación Laboral máis próximo, o que supón un claro inconveniente, non só pola distancia, senón polo limitado do servizo público de transporte que une a Mondariz e Mondariz Balneario con Ponteareas.

Tanto Xoan Carlos Montes como José Antonio Lorenzo, están convencidos de que, na época actual, o desenvolvemento de ámbolos dous concellos pasa pola mutua colaboración, de xeito “que se poida facer unha xestión máis eficaz dos recursos públicos aforrando custes”.

No caso concreto do Servizo de Orientación Laboral, o persoal técnico adscrito a dito servizo pódese compartir a través do “achegamento xeográfico das entrevistas individuais de orientación ”. Amais, dispoñer dun servizo de xestión compartida, permite a posibilidade de realización de accións grupais conxuntas entre Mondariz e Mondariz Balneario.

O alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, salientaba que este Servizo de Orientación Laboral de xestión compartida, é un paso máis na realización de actividades conxuntas entre Mondariz e Mondariz Balneario “dous concellos que se complementan perfectamente e que teñen, na colaboración mutua, unha excelente ferramenta para o seu desenvolvemento”

Deja un comentario