+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

O concello de Bueu pon en marcha a primera fase dos obradoiros sociais


O Concello de Bueu, a través da Concellaría de Infancia e Mocidade dirixida por Macu Rodríguez, poñerá en marcha a partir do 1 de marzo a primeira fase da súa campaña de obradoiros sociais, que terá como protagonistas a tres grandes sectores da veciñanza: cativos, mozos e maiores.
Así, “Educa coas emocións” será unha escola de familias destinada a pais e nais de nenos de primaria e infantil de todos os centros do Concello. Iniciarase o 1 de marzo ás 19.30 horas na sala de usos múltiples do CEIP A Pedra. As sesións serán de hora e media e con periodicidade mensual e o horario das vindeiras clases pactarase coas familias o primeiro día.
Tamén a partir do 15 de marzo, comezarán os obradoiros de estimulación e adestramento da memoria “Acórdaste?”, pensados para os nosos maiores de todas as parroquias. Esta actividade terá lugar os martes e xoves no Centro Social do Mar e na Casa do Pobo de Beluso, nun horario aínda por determinar.
E por último, está organizándose tamén o obradoiro “O reto de educar”, dirixido a como comunicar e resolver os conflitos con fillos e fillas adolescentes.
Todas aquelas persoas que se desexen inscribir nos obradoiros de “Acórdaste?” e “O reto de educar”, poderán dirixirse ao departamento de asuntos sociais do Concello.
No marco do fomento de políticas sociais activas que canalicen as inquedanzas da veciñanza, o Concello poñerá en marcha nunha segunda fase máis obradoiros para fomentar a igualdade, a prevención da violencia de xénero, a protección do medio ambiente, o impulso da ecoagricultura ou o coñecemento e promoción do patrimonio cultural, arquitectónico e paisaxístico. Esta actuación intégrase pois nun proxecto de carácter multidisciplinar que abrangue diferentes ámbitos da vida na vila e en función dos cales se organizarán actividades coordinadas polas diversas concellarías.

Deja un comentario