+034 986 09 02 04 Luns 01 de Xuño de 2020

Cores Tourís clausura o Obradoiro de Emprego “Castro Alobre” de Vilagarcía de Arousa que formou a 21 desempregados en mellora de zonas verdes e en traballos de carpintería e moble


 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que a Consellería de Economía, Traballo e Industria investiu nesta iniciativa case 190.000 euros

O delegado territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego “Castro Alobre” de Vilagarcía de Arousa, acompañado do alcalde la localidade, Alberto Varela.
No acto, que tivo lugar nas instalacións do Obradoiro de Emprego, estivo tamén presente o xefe territorial de Economía, Traballo e Industria, Ignacio Rial.
O obradoiro tivo unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investiu case 190.000 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento superaron os 200.000 euros”, segundo explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos foi preparar a 21 alumnos en instalación e mellora de xardíns e zonas verdes e en traballos de carpintería e moble.
O delegado territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra recordou que a Xunta de Galicia aposta polos obradoiros “porque fomentan a formación, a inserción laboral e a colaboración cos concellos”, polo que no presente ano “continuaremos a traballar neste ámbito cun investimento que supera os 14 millóns de euros para toda Galicia”.
O obxectivo dos obradoiros de emprego “é claro: dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente, xa que hai que recordar que no proceso selectivo contan con vantaxe as mulleres e os parados de longa duración. Non podemos esquecer ademais”, engadiu José Manuel Cores Tourís, “que en total son 25 as persoas que grazas a estes obradoiros, obtiveron durante estes meses un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación á directora, a titora, e os dous docentes dos cursos.
De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibiron o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os meses que durarán estes proxectos. En instalación e mellora de xardíns e zonas verdes formaranse 11 alumnos, dos cales 8 son homes e 3, mulleres, e en traballos de carpintería e moble outros 10, 5 homes e 5 mulleres.
“Estes programas son un instrumento eficaz para a mellora da empregabilidade porque ofrece formación de calidade e acceso a un emprego”, subliñou Cores Tourís. Outras das vantaxes dos obradoiros son a realización de obras e servizos para a comunidade e o fomento da colaboración institucional, xa que estes programas lévanse a cabo coa coordinación da Administración local.

O alumnado traballou en Vilagarcía de Arousa durante estes pasados seis meses tanto mellorando e instalando zonas verdes e xardíns como elaborando novas pezas de mobiliario para espazos exteriores e interiores da casa do Concello.
Cores Tourís, pola súa banda, recordou aos alumnos que agora “comeza unha nova etapa, a de buscar un posto laboral, para o cal contan xa cunha importante formación”.
Obradoiros como o de Vilagarcía de Arousa desenvolvéronse nos pasados meses en varios concellos de Pontevedra, onde se investiron 3,2 millóns de euros, o que permitiu desenvolver 20 obradoiros e beneficiar a case 500 persoas. No caso do concello de arousa, dende 2009, leváronse a cabo 4 obradoiros, cun investimento global por parte da Xunta de case 851.000 euros e un total de 111 beneficiarios.

Deja un comentario