+034 986 09 02 04 Xoves 19 de Xullo de 2018

A unanimidade do Pleno de Mos manifesta o seu apoio ó Pobo Saharaui con motivo do 40º aniversario da proclamación da súa República Democrática


Todos os membros da Corporación votaron a favor dunha moción mediante a que a localidade mosense súmase ó acontecemento histórico e demostra o seu firme compromiso con este pobo

Con motivo do 40º aniversario da proclamación da República Árabe Saharaui Democrática que se celebrou o pasado 27 de febreiro, presentouse ó Pleno da Corporación Municipal mosense do luns 29 de febreiro unha moción mediante a que o Concello de Mos quixo sumarse a este acontecemento histórico e demostrar un ano máis o seu firme compromiso co Pobo Saharaui.

Como non podía ser doutro xeito, a moción foi aprobada por unanimidade polos membros do Pleno e, mediante a súa aprobación, o Concello de Mos manifesta que:

1. Reafirma o seu recoñecemento ao lexítimo goberno da RASD e o Frente POLISARIO e manifesta, unha vez máis, o dereito de autodeterminación que legalmente asiste ao Pobo Saharaui. Así mesmo pídelle ao Goberno de España que lle dea o estatus diplomático á Representación do Frente POLISARIO en España, único e lexítimo representante do Pobo Saharaui, recoñecido así pola ONU.

2. Insta ao Goberno de España e á comunidade internacional a que promovan todas as iniciativas políticas que sexan necesarias para lograr unha solución xusta e definitiva, mediante a celebración dun referendo, conforme ás resolucións de Nacións Unidas.

3. Insta ás autoridades marroquís a que cesen as persecucións contra os e as activistas saharauis de dereitos humanos, a que liberen aos presos políticos saharauis e esclarezan o destino de máis de 400 persoas saharauis desaparecidas.

4. Insta ao Estado Español a que asuma a súa responsabilidade histórica e traballe activamente dentro da Unión Europea e aproveite a súa presenza no Consello de Seguridade de Nacións Unidas para que a MINURSO vexa ampliado o seu mandato á vixilancia dos dereitos humanos no Sáhara Occidental.

5. Reafírmase no seu compromiso de traballar tanto nos campamentos de poboación refuxiada en Tinduf (Arxelia), como nos territorios ilegalmente ocupados por Marrocos como mostra do apoio maioritario da sociedade mosense á lexítima loita do Pobo Saharaui pola súa liberdade.

6. Agradece sinceramente a colaboración desinteresada e a xenerosidade dos cidadáns e as cidadás mosenses que fan posibles proxectos de cooperación co Pobo Saharaui, tales como a Caravana pola Paz, Vacacións en Paz, etc…

Xa a pasada fin de semana, os días 27 e 28 de febreiro, o Concello de MOS amosou a súa solidariedade co Pobo Saharaui, ondeando no balcón da súa fachada a bandeira da República Árabe Saharaui Democrática, con motivo do 40 aniversario da proclamación da mesma.

Ademais anualmente o Concello de Mos asina un convenio de colaboración coa Asociación Galega Solidariedade co Pobo Saharaui de apoio por parte da administración local mosense ó programa Vacacións en Paz, no que participan múltiples familias de Mos acollendo a nenos e nenas saharauis durante a tempada estival nos seus fogares mosenses.
Lamentables feitos recentes

As choivas torrenciais caídas en outubro de 2015 nos campamentos de poboación refuxiada saharaui afectaron a máis de 90.000 persoas, 25.000 dos cales perderon os seus fogares e quedáronse sen alimentos, segundo denunciou a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR).

Diversas investigacións levadas a cabo polo Instituto Hegoa da UPV-EHU e a Sociedade de Ciencias Aranzadi, co apoio de Euskal Fondoa, aportaron novas probas sobre desaparicións forzosas e bombardeos á poboación civil saharaui a mans do goberno de Marrocos. Ademais, estas investigacións están sendo útiles na investigación da querella por xenocidio contra o Pobo Saharaui e nas demandas de verdade, xustiza e reparación.

Deja un comentario