+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

Benítez anuncia o interese da Deputación por mellorar a estrada provincial dobarrio da estación en Arbo


O deputado de Mobilidade recibiu hoxe ao alcalde arbense e destacou a importancia de aproveitar as actuacións na zona para a promoción turística do Miño

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e a nova directora de Mobilidade da institución, Isabel Pardo de Vera, reuníronse hoxe co alcalde de Arbo, Horacio Gil Expósito, para falar da mellora da rede viaria provincial dentro do municipio. Unha das iniciativas polas que o nacionalista mostrou máis interese foi a recuperación e urbanización da estrada provincial que leva á estación do tren (EP-5203), xa que, xunto coa mellora do propio edificio de Adif, podería supoñer unha actuación de gran valía de cara á promoción turística do río Miño. No encontro tamén se falou das actuacións que a Deputación pontevedresa ten previstas en Arbo ao abeiro do Plan MOVESE, que pretende mellorar a seguranza viaria das estradas mediante o calmado do tráfico.
Segundo explicou o deputado de Mobilidade, os servizos técnicos provinciais están a valorar nestes momentos as obras que se executarán grazas ao Plan MOVESE, que consisten en instalar pasos de peóns sobreelevados, redutores físicos da velocidade e zonas 30 nas vías de titularidade provincial. Hai que lembrar que o Concello de Catoira conta con seis viais provinciais cunha lonxitude total de máis de 18 quilómetros nos que hai puntos de gran densidade peonil que precisan dunha actuación para garantir a mobilidade a pé dos veciños. De feito, o Concello de Arbo solicitou actuacións en todas as vías, pero prioritariamente para a EP-5201 entre Arbo-Cabeiras-Barcelas, xa que hai un colexio nas inmediacións e precísase moderar a velocidade dos vehículos na contorna.
En canto á actuación na EP-5203 entre a PO-400 e a Estación do tren, Benítez recolleu a petición “prioritaria” do alcalde para urbanizala e sinalou que o proxecto se estudiará e será tido en conta. O deputado comprometeuse a facer unha visita en persoa á zona, da que lembrou é un conxunto arquitectónico que conta cun plan especial de protección. Así mesmo, Benítez destacou que a mellora da estrada debería ir conxugada con outras actuacións de maior calado, como a propia recuperación do edificio da estación, polo que propuxo a Gil Expósito un traballo global para desenvolver iniciativas que permitan potenciar a zona como atractivo turístico arredor do río Miño. Neste sentido, Benítez lembrou que a Deputación lidera varios proxectos de cooperación transfronteiriza para conseguir fondos europeos, invertilos nas ribeiras do Miño e potenciar o espazo da ‘raia’ como un destino turístico natural de calidade.

Deja un comentario