+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018

A Biblioteca Municipal do Porriño inicia un intenso Programa de actividades que se prolongará ata finais deste 2016


A Biblioteca Municipal do Porriño ven de poñer en marcha a súa programación anual que persigue o obxectivo de convértese nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social. Tendo presente esta finalidade, o Programa de Actividades trata de Fomentar o uso da Biblioteca por parte de distintos sectores da poboación, a través dunha proposta dirixida a usuarios de distintos tramos de idade (infantil, xuvenil, adulta), diferentes niveis de formación e diversos intereses culturais.

Todo elo está destiñado a fomentar, tanto na poboación infantil como na adulta, a formación de hábitos lectores estables; formar no uso das novas tecnoloxías e favorecer a convivencia, a participación e a autonomía dos veciños.

As persoas interesadas en participar en actividades que precisen inscrición previa poden realizala de xeito presencial na Biblioteca .As actividades son gratuítas e as prazas cóbrense por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño.

O programa ata finais deste 2016 abrangue o Ciclo de charlas “Mulleres científicas” (todos os públicos), os días, 3, 7 e 8 deste mes, coa participación das doutoras Africa González Fernández (catedrática de Inmunoloxía e directora do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo), Carmen García Mateo (catedrática de Inxeniería de Telecomunicación da Universidade de Vigo e investigadora do Centro de investigación AtlantTIC) e Ana Ulla Miguel (Profesora Titular da Área de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Vigo, especialista nas fases máis avanzadas da evolución estelar e nas oscilacións estelares).

‘Lúa ConLuvas’ é unha actividade de animación á lectura que se entende como unha proposta didáctica: esta personaxe de animación, que vai máis alá do que coñecemos como “contacontos”, é unha exploradora e viaxeira ique vive na Biblioteca Municipal do Porriño.

‘Obradoiros de Alfabetización dixital’ (poboación adulta. Todos os martes ás 10 horas).Formación no uso das TIC para persoas adultas sen ningún ou escaso coñecemento sobre o uso do ordenador e de internet.

‘Clube de lectura infantil’ (Poboación de 8 a 12 anos. Venres alternos), unha actividade encamiñada a que os nenos atopen nos libros o instrumento de desfrute que os anime a ler cada día. Empregaranse actividades, xogos, manualidades, relacionadas coa lectura programada para conseguir aumentar a súa comprensión lectora e, ao mesmo tempo, que se divirtan co seu libro. A biblioteca facilita un exemplar do libro programado a cada participante para que o lea na casa.

‘Clube de lectura de adulto’ (poboación adulta. Luns alternos), Actividade consistente na formación dun grupo de lectores adultos que se reúnen periodicamente na Biblioteca co fin de comentar e intercambiar opinións sobre os libros. A biblioteca facilita un exemplar do libro programado a cada participante para que o lea na casa.

‘Grupos de conversación en inglés’ (poboación adulta. Martes de marzo, maio, outubro, novembro): grupos guiados para practicar inglés de conversación entre poboación adulta cun nivel medio/alto de inglés oral.

‘Obradoiro de escritura creativa’, impartido polo escritor Francisco Castro (poboación adulta. Martes de abril): obradoiro intensivo de iniciación á escritura centrada no desenvolvemento da creatividade, a experimentación literaria e o pracer de escribir.

‘Obradoiro de Iniciación á Fotografía dixital’ (poboación adulta. Venres alternos de Abril e Maio): que pretende dar a coñecer o funcionamento básico dunha cámara réflex e aprender o manexo dunha aplicación informática para realizar revelado dixital. Safari fotográfico e exposición do traballos realizados (poboación adulta. Xuño) e Actividade complementaria do Obradoiro de Iniciación á Fotografía dixital na que os participantes saen coas súas cámaras a retratar o entorno da Biblioteca Municipal do Porriño. Unha vez reveladas e seleccionadas, presentaranse nunha exposición colectiva na propia Biblioteca.

‘Recital de poesía “A hostia en verso”. Poetas da hostia (IES do Porriño. Luns 24 outubro); ‘Obradoiro de Ciencia’ (poboación infantil, venres 18 de novembro), que se fai coincidir co ‘Mes da Ciencia’.

‘A Hora do Código’ (poboación xuvenil, martes 13 de decembro), introducción dunha hora ás ciencias da computación para amosar que todo o mundo pode aprender a programar. A Hora do Código é un ‘movemento global’ que chega a máis de 180 países para achegar a programación informática de xeito natural e simple.A organización está a cargo de code.org, entidade sen fin de lucro.

Deja un comentario