+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

O Pavillón Castro-Mos levará o nome de Patricia Martínez


O Concello de Mos adícalle a instalación deportiva de máis recente construcción tras acadar a mosense o seu duodécimo título de Campiona de España de Baile Deportivo

Celebrouse no Multiusos das Pozas o acto de recepción a Patricia Martínez e ós seus alumnos da Escola Municipal de Baile Deportivo de Mos: Daniel Requejo, Gabriela Holt, Juan Ferrón e Sara Requejo, polas súas vitorias deportivas nos Campionatos de España e Galego.

Durante a recepción fíxose público un anuncio de gran relevancia tanto para o municipio mosense como para a vinculación deste Concello co baile deportivo: en recoñecemento á traxectoria e ós éxitos deportivos de Patricia Martínez o Concello de Mos daralle o seu nome ó Pavillón de Castro-Mos, que pasará a chamarse “Pavillón Patricia Martínez”, unha vez a proposta sexa aprobada no Pleno ordinario do presente mes de marzo.

Este recoñecemento oficial, ante o que Martínez se amosou emocionada, é considerado pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e edil de Deportes, Alberto Méndez, coma “o mínimo que dende a administración local podíamos facer pola que probablemente sexa a deportista mosense máis importante e con máis títulos ás súas espaldas, que leva loitando e traballando na súa disciplina deportiva dende ben cativa”, declararon os representantes municipais. E é que Patricia Martínez conta cun extensísimo currículo deportivo que avala sobradamente esta decisión do Concello de Mos.

O Pavillón de Castro-Mos é o de máis recente construcción do municipio, inaugurado a finais do ano 2012, é o único dos cinco pavillóns mosenses ubicado na parroquia natal da bailarina Patricia Martínez, a parroquia de Mos, da que é natural tamén a rexedora local, Nidia Arévalo.

Na recepción desta tarde no Multiusos estiveron presentes a alcaldesa, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes e tenente alcalde, Alberto Méndez, Patricia Martínez, Daniel Requejo, Gabriela Holt, Juan Ferrón, Sara Requejo e membros da Corporación Municipal mosense.

Durante este acto, ademáis de anunciarse que o Pavillón Castro-Mos levará o nome de Patricia Martínez, recoñecéronse os seus últimos podios deportivos nos Campionatos Galego e de España, así coma os dos seus alumnos da Escola Municipal de Baile Deportivo de Mos.

O sábado 20 de febrero celebrouse en Copenhagen (Dinamarca) o Campionato de Europa de Baile Deportivo na modalidade de 10 Bailes. A única parella de deportistas que representaban a España foron Adrián Esperon e Patricia Martínez. O seu propósito era entrar en semifinais pero non puido ser e quedaron ás portas.

 

Seguidamente a finalizar este Campionato Europeo dirixíronse á cidade de Oropesa del Mar (Castellón) para participar no Campionato de España de Baile Deportivo na modalidade de Standard, o domingo 21 de febreiro. Aquí de novo conseguiron o ouro nesta modalidade, acadando así por 12 veces o Campionato de España, entre as modalidades de Standard e 10 Bailes.

 

Por outra banda o domingo 14 de febreiro celebrouse en Vigo o Campionato Galego de 10 Bailes, traendo para Mos dous ouros e un 4º posto. Na categoría Absoluta conseguiron o primeiro posto Patricia Martínez e Adrián Esperón.

 

Na categoría Youth, que comprende dende os 16 anos ata os 18 anos, Daniel Requejo de Mos e Gabriela Holt de Cangas, conseguiron o primeiro posto no seu primeiro ano en dita categoría, despois de ter sido o ano pasado Tri-campións galegos en Junior II. Así mesmo tamén participaron en Marina D’or o sábado día 20 no Campionato de España de Standard.

 

Finalmente, na categoría Junior I Juan Ferrón de Vigo e Sara Requejo de Mos, conseguiron un fabuloso 4º posto tendo gañado a modalidade de Latinos no Trofeo Puntuable para o Ranking Nacional.

Deja un comentario