+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xaneiro de 2018

A Fundación Galicia Europa actualiza a guía de prácticas e saídas laborais cun novo formato dixital máis accesible e interactivo


A Guía pretende informar á xuventude galega sobre as bolsas de estudo, prácticas e postos de traballo que ofertan entidades da UE e organizacións internacionais

A Fundación Galicia Europa presenta neste 2016 unha versión actualizada da Guía de prácticas e Saídas Laborais na UE e en organizacións internacionais, que pretende informar á xuventude galega sobre as bolsas de estudo, prácticas e postos de traballo que ofertan diversas entidades públicas e privadas a nivel internacional, nacional e rexional.

Ademais, ofrece tamén información práctica sobre o estudo de idiomas, tanto en España como a través de estancias no exterior, sobre cómo elaborar un currículum vitae seguindo o modelo de Europass e cómo utilizar a rede EURES, fundamental para quen queira buscar oportunidades no eido comunitario.

A Guía estará dispoñible a partir de mañá na páxina web da Fundación: http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu cun novo formato electrónico que permite acceder ao seu contido tanto desde ordenadores como desde tablets e teléfonos móbiles. Deste xeito, a lectura da Guía adaptarase automaticamente a cada un dos formatos, facendo que a navegación sexa moito más cómoda e intuitiva.

Así, poderanse elixir os contidos que máis interesen e descargalos individualmente, sen necesidade de gardar a Guía completa. O formato no que se presenta a Guía permite gardar nun “cartafol electrónico” os contidos elixidos, de xeito que non será necesario facer a procura da información de novo e será moito máis cómodo e rápido acceder a eles.

Actualización constante dos contidos
Este novo formato electrónico permite unha actualización constante dos contidos a medida que vaian saíndo as novas convocatorias e prazas, asegurando unha maior efectividade da información facilitada. Así mesmo, se o usuario detecta algún erro nas presentacións, dispón dunha opción para reportalo de forma rápida e sinxela e garantir así a corrección dos datos.

Finalmente, incorporouse tamén a posibilidade de compartir todos os contidos da Guía a través das redes sociais, o cal facilita enormemente a súa difusión e ofrece unha maior dispoñibilidade e a interactividade entre todos os usuarios.

Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é un ente instrumental do sector público autonómico con dúas oficinas en Bruxelas e Santiago de Compostela. Son membros do padroado a Xunta de Galicia, o Consorcio Zona Franca de Vigo, o Consello Galego de Cámaras de Comercio, ABANCA, GAIN e as Deputacións de A Coruña e Lugo.

Unha das principais liñas de actuación da FGE é fomentar a formación da mocidade galega en aspectos europeos así como procurar unha información práctica e actualizada, achegando cada vez máis a realidade europea á poboación da nosa Comunidade

Deja un comentario