+034 986 09 02 04 Luns 30 de Novembro de 2020

Máis de 200 persoas participaron na Xornada Bilateral de Erasmus+ no ámbito da educación de España e Portugal


Cambiando vidas, abrindo mentes é o lema do Erasmus+ e que se quixo pór en valor en toda a Xornada

Máis de 200 persoas déronse cita en Tui para asistir á Xornada Bilateral de Erasmus+ no ámbito da educación e da formación de España e Portugal. O obxectivo deste encontro é a presentación de boas prácticas entre institucións educativas españolas e portuguesas para incrementar así a cooperación entre ámbolos países fronteirizos.
A presentación desta Xornada correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do director do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), Pablo Martín, da directora da Agência Nacional Erasmus+ Educação e Formação, Joana Mira Godinho, xunto co director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresou que “a escolla da Eurocidade Tui-Valença como sede no día de onte do cumio e hoxe da Xornada, expresa o carácter bilateral deste seminario. Máis aló da aprendizaxe, da formación e das conclusións de traballo que se saquen nesta Xornada, para Tui e Valença supón un escaparate no que as máis de 200 persoas participantes de todos os lugares do país e de Portugal poden coñecer o patrimonio, cultura, gastronomía ou o medio ambiente”.
O director do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), Pablo Martín, destacou como intención desta Xornada facer balanzo de resultados do anterior periodo de investimentos 2007-2013, e das primeiras impresións do que acaba de comezar, 2014-2020.
En relación coas estancias Erasmus+, Pablo Martín quixo destacar que “máis de medio millón de mozos españois desfrutaron dunha estancia Erasmus nas últimas décadas e dende o 2012 e ata hoxe preto de 200.000 estudantes e profesores viaxaron máis aló das súas fronteiras, o que lles outorgou maiores competencias idiomáticas e lles permitiu ‘abrir a mente’ ó convivir e aprender outras culturas, obxectivo principal do Erasmus+”.
A directora da Axencia Nacional Erasmus +, Joana Mira Godinho, pola súa parte, subliñou que esta é a primeira vez que se realiza este encontro bilateral con axencias e beneficiarios de proxectos españois e portugueses, o que supón unha cooperación a nivel local, rexional e estatal entre os dous países. Agardou que este tipo de encontros se poidan repetir anualmente.
Finalmente, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira, destacou a importancia de participar neste tipo de Xornadas, que poñen en valor proxectos que redundan nos alumnos, posto que lles dá a oportunidade de participar en proxectos transfronteirizos que redundan no seu beneficio persoal e laboral de cara ó futuro.
Ao longo da mañá fóronse presentando os resultados, logros e impacto do Programa Erasmus+ e do Programa de Aprendizaxe Permanente (PAP) en España e Portugal e presentación das novidades e oportunidades da Convocatoria 2016 do Programa Erasmus+. Tamén se trataron os proxectos transfronteirizos do Programa Erasmus+ no ámbito da Educación e a Formación desde a perspectiva institucional e exemplos de boas prácticas nos centros educativos.
Tralo xantar houbo dinámicas e traballo en grupo, onde se compartiron experiencias en diferentes eidos, coma a cooperación no sector escolar e na escola- empresa, no sector de formación de adultos ou as estancias profesionais.<

Deja un comentario