+034 986 09 02 04 Martes 17 de Xullo de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra e “La Caixa” asinan un convenio para que menores en risco de exclusión social poidan participar en depo aventura a Lanzada 2016


Esta é a primeira vez que a Deputación de Pontevedra reserva 300 prazas de balde para menores con escasos recursos económicos e en situación ou risco de exclusión social

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director territorial de CaixaBank en Galicia, Marc Benhamou, asinaron esta mañá un convenio de colaboración a través do cal a Obra Social “la Caixa” colabora con 30.000 € para que 300 nenas e nenos da provincia de Pontevedra poidan participar gratuitamente no programa “Depo Aventura A Lanzada 2016”.
O firme compromiso da Deputación de Pontevedra, para construír unha sociedade xusta onde ninguén padeza dificultades, tradúcese en que por vez primeira e grazas a la Obra Social “la Caixa” se reserven 300 prazas de balde para que menores en risco de exclusión social ou pertencentes a familias con escasos recursos económicos ou situacións de especial dificultade poidan participar en “Depo Aventura A Lanzada 2016”. En concreto, das 300 prazas 52 estarán destinadas a nenas e nenos do Centro Príncipe Felipe e a 4 nenas e nenos de cada un dos concellos da provincia (248) que xustifiquen esta situación a través do informe social emitido pola traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios municipais.
A Presidenta da Deputación agredeceu a CaixaBank, a través da responsabilidade social corporativa, a súa implicación e compromiso cos máis desfavorecidos. Silva, subliñou que sen a súa contribución sería imposible que estas 300 nenas e nenos fosen a Depo Aventura A Lanzada 2016”.
Pola súa banda o director territorial de CaixaBank en Galicia, Marc Benhamou, manifestou a necesidade de manter estes compromisos, con entidades serias e rigorosas como é o caso da Deputación de Pontevedra. Amais, Benhamou anunciou que en breve CaixaBank realizará novas actuacións, similares a que hoxe se deu a coñecer, na provincia de Pontevedra
Depo Aventura A Lanzada 2016 propón actividades cun compoñente educativo destinadas a menores de idade nadas e nados entre os anos 2003 e 2008, con residencia na provincia de Pontevedra. En concreto, durante o programa desenvolveranse actividades relacionadas coa natureza, teatro, contacontos, baile, deportes, unha excursión á Illa de Ons, actividades ó aire libre, artísticas e xogos co obxectivo de ensinar ás mozas e mozos a desenvolverse nun medio non habitual, potenciando a súa maduración, desenvolvendo a sociabilidade, inculcando hábitos hixiénicos, alimenticios e de exercicio físico e fomentando o respecto polo medio ambiente e a conservación da natureza.
As nenas e nenos aloxaranse en tendas de campaña en réxime de pensión completa e estarán atendidas e atendidos por un equipo técnico formado por persoal especializado en animación sociocultural e actividades de lecer e tempo libre. Amais, a institución provincial aportará todo o material necesario para o desenvolvemento das actividades, atención sanitaria e seguro de accidentes.
O prezo, para os menores que non se beneficien das 300 prazas de balde, será de 83,60 € por praza, tendo, os membros de familia numerosa un desconto do 20%. Os interesados deberán presentar a solicitude e documentación antes do 1 de abril de 2016.

Deja un comentario