+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Agosto de 2019

O Concello forma aos vendedores da Praza de Abastos a través do mentoring “Comer cos ollos”


Quince concesionarios participarán na actividade destinada a sacarlle o mellor rendemento ás técnicas de comunicación e venta e a actualizar o modelo de negocio

A Concellería de Mercados promove nos vindeiros días dúas iniciativas complementarias destinadas a mellorar a imaxe e o servizo do pequeno comercio da Praza de Abastos tanto na forma como no fondo. No que á forma respecta á través das obras de remodelación dos postos exteriores que comezan nos vindeiros días e, no fondo, cunha actividade destinada aos vendedores da sala e que ten como obxectivo amosarlle as ferramentas que lles permitan unha comunicación máis eficaz co cliente, a sacar mellor rendemento ás técnicas de comercialización, a saber vender en tempos de crise e a actualizar o modelo tradicional de negocio.

Esta formación impartirase a través dun “mentoring” no que participarán 15 concesionarios do mercado municipal. En principio, 5 prazas resérvanse para vendedoras de verdura e as 10 restantes para vendedores de carnicerías, establecementos de conxelados e peixeiras.
A mentoría baséase nunha relación de desenvolvemento persoal na que unha persoa máis experimentada o con maior coñecemento axuda a outra menos experimentada ou con menor coñecemento.

Para impartir o mentoring, que leva por título “Comer cos ollos”, a Concellería de Mercados confiou a tarefa á empresa vilagarciá de coworking, Dalleudalle, creada a través dunha Iniciativa Local de Emprego apoiada dende o Concello e que se creou no ámbito dunha Escola Obradoiro.

O mentoring para os praceiros desenvolverase en catro sesións en horario de tarde a desenvolver este mes de novembro nas instalacións de Dalleqdalle. Entre os temas a abordar, exporanse casos de éxito na remodelación e explotación das prazas de abastos, fórmulas para vender en tempos de crise. Faranse dinámicas grupais nas que se abordará como actualizar o modelo de negocio e tamén se explicarás conceptos de “Visual merchandising”, de compra por impulso e estratexias de colocación do produto.
Unha das sesións dedicarase en exclusiva á atención ao cliente e a comunicación de ventas e noutra farase unha análise e supervisión dos diferentes postos da praza de Abastos e o redeseño dos mesmos, a efectos de sacarlles o mellor partido.
O proxecto de mentoría finánciase con cargo á mesma partida coa que se acometerá a remodelación dos postos exteriores da Praza, xa que así viña recollido nas bases da subvención solicitada á Xunta de Galicia polo Concello para acometer as obras.

Deja un comentario