+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Uxío Benítez anuncia unha actuación urxente de seguranza viaria na vía provincial entre Forcarei e a Estrada


O deputado de Mobilidade recolleu hoxe as peticións da alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, en materia de infraestruturas 

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe unha actuación urxente para mellorar a seguranza viaria na vía provincial que une Forcarei e A Estrada (EP-7001). A actuación concretouse logo dun encontro entre o nacionalista e a nova directora de Mobilidade da institución provincial, Isabel Pardo de Vera, coa alcaldesa de Forcarei e deputada, Belén Cachafeiro Anta.
O nacionalista, seguindo coa súa ronda de contactos cos alcaldes da provincia, recolleu as peticións da rexedora en materia de infraestruturas. Cachafeiro explicou que a prioridade inmediata é mellorar a seguranza viaria nun treito de aproximadamente catro quilómetros da EP-7001 situado nunha zona elevada e moi afectada pola néboa. Benítez comprendeu inmediatamente a urxencia da actuación (polo perigo que supón para os condutores circular sen liñas horizontais de referencia)e comprometeuse a realizar unha mellora de pintado que permita aos vehículos transitar con garantías.
Por outra banda, o deputado comprometeuse tamén a estudar a solución para unha intersección de vías na mesma EP-7001, na entrada Norte da vila, xusto na confluencia co núcleo urbano. Na saída Sur da vila por esa estrada tamén se estudiará habilitar unha senda peonil que garanta a convivencia dos tránsitos a motor cos dos veciños, seguindo o decálogo dos criterios de actuación nas vías provinciais -que priorizan os desprazamentos das persoas-.
Outra das actuacións que se puxeron enriba da mesa durante a reunión foi a posibilidade da urbanización e mellora da EP-7203 entre Soutelo e Covas, cunha lonxitude de case 10 quilómetros. Esta vía comunica varios núcleos e o deputado de Mobilidade estudiará a posibilidade de realizar algún tipo de intervención que permita que os veciños que a utilizan non se vexan agredidos polo tráfico a motor. “A liña xeral das actuacións da Deputación van encamiñadas a garantir a prioridade ás persoas e non aos coches, polo que se buscará a fórmula para que estes convivan no espazo”, subliñou Benítez.
O deputado, así mesmo, lembrou á alcaldesa de Forcarei que a intención do novo goberno é garantir un correcto mantemento de toda a rede de estradas provinciais, polo que escoitou as localizacións que nestes momentos, a xuízo da rexedora, precisan de obras de conservación.
Por outra banda, o responsable de Mobilidade instou a Cachafeiro a solicitar actuacións da Deputación de Pontevedra para o concello de Forcarei ao abeiro de próximas fases do Plan MÓVESE, xa que este goberno local do Tabeirós-Terra de Montesnon presentou ningunha solicitude de obras no prazo aberto a primeiros deste ano. Benítez lembrou que máis de 40 concellos solicitaron a instalación de pasos de peóns sobreelevados, redutores físicos da velocidade e zonas 30 nas vías de titularidade provincial para reducir a velocidade do tráfico e a sinistralidade.

Deja un comentario