+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

A Xunta entrega ao concello de Vigo 225 terminais de comunicacións Tetra que permitirán o acceso dos servizos de emerxencias e seguridade locais á rede autonómica


A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior continúa co despregue da rede de comunicacións Tetra, un sistema que permite a coordinación de todas as forzas de seguridade e emerxencias

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, continúa co despregue da rede de comunicacións Tetra, un sistema que permite a coordinación de todas as forzas de seguridade e emerxencias. En concreto, hoxe levouse a cabo a entrega dun total de 225 terminais Tetra para o acceso dos servizos de bombeiros, policía local e protección civil do Concello de Vigo á rede corporativa de comunicacións móbiles dixitais de emerxencia e seguridade de Galicia.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Emerxencias, cede 171 terminais portátiles de gama alta, seis portátiles Atex, 42 mobiles e seis terminais fixos, en total, 225 equipos cun custo de máis de 205.000 euros.

O acto de entrega contou coa presenza do director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, o director xerente de Retegal, Miguel Rodríguez Quelle, e o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves.

Durante a semana pasada a Xunta entregou e instalou outros 70 terminais de comunicacións Tetra nos distintos parques de bombeiros do Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento (Vilagarcía, Ribadumia, O Porriño e Bueu) e do Consorcio do Deza e Tabeirós-Terra de Montes (Silleda), cun custo total entre terminais fixos móbiles e portátiles de case 63.000 euros.

Agora é a quenda dos concellos que se adheriron á rede Resgal na modalidade de adquisición e cesión de terminais por parte da Xunta, comezando hoxe por Vigo.

O estándar Tetra
A Xunta de Galicia conta cunha rede de telecomunicacións propia con estándar Tetra para xestionar todas as comunicacións dos corpos de emerxencia e seguridade. Esta rede permite a coordinación de todas as forzas de seguridade e emerxencias integrados na rede: bombeiros, policía, urxencias sanitarias, 112, GES, Protección Civil ou Incendios Forestais.

A Rede da Xunta emprega a tecnoloxía Tetra, a máis punteira para este tipo de redes de seguridade pública e que se caracteriza pola súa probada fiabilidade incluso en situacións extremas ou de saturación (accidentes, desastres naturais, grandes aglomeracións de persoas, por exemplo).

Esta rede ponse a disposición de distintos organismos públicos, como deputacións ou concellos, conseguindo, deste xeito, unha maior coordinación dos distintos servizos de emerxencias, así como un aforro efectivo no gasto en teléfonos móbiles e sistemas locais.
Os corpos de emerxencia e seguridade xa integrados na rede son: Axencia Galega de Emerxencias, Policía Autonómica UPA, 112 – Emerxencias Galicia, Servizo Defensa Contra Incendios Forestais, Urxencias Sanitarias – 061 e bombeiros, con máis de 2.664 terminais.

Deja un comentario