+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

Turismo de Galicia estará presente por primeira vez no Salon mondial du Tourisme de París


A capital francesa acolle esta cita turística anual á que Turismo de Galicia acode para expoñer as principais novidades do destino nun dos principais mercados emisores para a Comunidade galega

París acolle a 41ª edición do certame ‘Salon mondial du Tourisme” e Turismo de Galicia participará por primeira vez nel para promover a oferta turística galega e as principais novidades do destino Galicia para o ano 2016 nun dos principais mercados emisores para a Comunidade galega.

O Salon mondial du Tourisme de París, celebrarase entre os días 17 e 20 de marzo no recinto Parc des expositions Porte de Versailles e nos últimos anos tense convertido nun dos principais certames turísticos de Francia, canto á afluencia de público e concorrencia de operadores turísticos.

Así, Turismo de Galicia participará nesta feira cun recinto dentro do apartado dedicado a España desde o que difundirá os valores turísticos da Comunidade galega e manterá reunións cos axentes de viaxes deste importante mercado emisor.

Dada a importancia do mercado francés, e ao obxecto de manter a presenza da oferta galega nos seus distintos segmentos en Francia, Turismo de Galicia participa ao longo do ano nos principais eventos turísticos que se desenvolven no país veciño, entre os que salientan o Salón Náutico de París ou a feira especializada en termalismo Thermalies.

Demanda turística francesa
Con máis de 1.200 viaxeiros aloxados e 3.000 pernoitas, o mercado francés constituíu no pasado mes de xaneiro o segundo mercado internacional máis importante para Galicia, logo de Portugal.

Francia, que representou o 7,3% do turismo internacional neste mes, superou nun 16% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 34% o volume de pernoitas de xaneiro do pasado ano.

No que se refire ao ano 2015, o mercado francés situouse en quinto lugar en orde de importancia con máis de 93.000 viaxeiros aloxados e preto de 140.000 pernoitas.

Deja un comentario