+034 986 09 02 04 Martes 23 de Outubro de 2018

O concello de Lalín desenvolverá obras de mellora e acondicionamento na Área Recreativa de Mouriscade


O obxectivo das actuacións é solventar as numerosas deficiencias que hai no espazo cedido pola Deputación para que sexa unha verdadeira zona de ocio e lecer para os cidadáns

 

O Concello de Lalín ten previsto acometer actuacións de mellora e acondicionamento na área recreativa de Mouriscade. A decisión foi adoptada esta mañá despois de que o alcalde, o concelleiro do Rural e o concelleiro de Obras se desprazasen á zona para comprobar o estado das instalacións e constatasen a existencia de numerosos desperfectos e eivas que fan necesario acometer traballos de mellora de maneira inmediata.

Así, comprobouse que é necesario recuperar o tellado do merendeiro, repoñer algúns bancos de pedra, reparar as pontes de madeira que cruzan o río e acondicionar os camiños peonís e as zonas de estacionamento. Rafael Cuíña indica que, con estas medidas, o Concello propiciará que esta área recreativa “sexa un lugar co suficiente atractivo para que cada vez acudan máis visitantes, tendo en conta as potencialidades que xa posúe de forma natural”. “Estamos ante unha das zonas de maior beleza do municipio”, explica o rexedor, “e dende o Concello temos a obriga de potenciar os valores dun dos espazos nos que mellor se conxuga o ocio e o contacto coa natureza, e que con todo aínda segue a ser descoñecido para moitos lalinenses”.

Á espera de que se analicen polo miúdo as actuacións que se van realizar e se determine o seu custe, o Goberno deu orde de precintar os lugares nos que existe un posible risco para as persoas para evitar que se produza algún accidente. En todo caso, os traballos de acondicionamento serán executados pola Brigada de Obras do Concello de Lalín, atendendo as cláusulas do convenio de mutación demanial asinado en abril de 2015 e que establecen que o Concello deberá manter o destino da parcela ao servizo público, podendo levar a cabo as obras necesarias de adecuación para dar cumprimento a esta finalidade. O acordo tamén indica que o mantemento e funcionamento da área recreativa correrán a cargo do Concello, que se compromete a manter e conservar en bo estado as instalacións e construcións existentes.

A área recreativa de Mouriscade foi cedida ao Concello para usos recreativos e ten unha superficie total de 21.030 metros cadrados. Linda na súa zona Norte coa Finca de Mouriscade, na zona Leste co río Asneiro e a propia Finca Mouriscade e na zona Sur e Oeste co río Asneiro. Neses terreos está emprazados un albergue de dous andares, así como un muíño e un alpendre, que son os inmobles nos que se van a acometer as principais actuacións.

Deja un comentario