+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Cociña en directo coa camelia como ingrediente, degustacións e contacontos… actividades da mostra de ‘Os sentidos da camelia’


Eva Vilaverde presentou hoxe o LII Concurso/Exposición Internacional da Camelia que abrirá ao público o vindeiro sábado coa colaboración dos chef con estrela Michelin da provincia e a participación de 52 expositores da flor

 

Cociña en directo, degustacións, contacontos, camelias de decenas de cultivares… e moitas sorpresas. Así se resume o programa do LII Concurso/Exposición Internacional da Camelia que se celebrará os vindeiros sábado e domingo no Recinto Feiral de Pontevedra. A deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, sinalou hoxe que o obxectivo da Deputación de Pontevedra na organización desta mostra foi “dar un cambio xeral cun toque atrevido á mostra para demostrar que a camelia é algo máis que unha flor ornamental, xa que é un recurso que pode crear economía de país”.
Vilaverde explicou que este ano a exposición leva por título ‘Os sentidos da camelia’ posto que ofrece ao público cinco xeitos de gozar coa flor: a vista, o oído, o tacto, o olfato e o gusto.No sentido da vista, os visitantes poderán admirar os diferentes cultivares presentados polos 52 expositores que optan ás 21 categorías de premios. Nesta edición decidiuse cambiar o regalo simbólico para os premiados e, se ben se outorgará unha camelia de ouro, esta será un deseño dos irmáns Cimadevila, xoieiros de Pontevedra, que fixeron o seu modelo en base a un cultivar galego da flor (a camelia da variedade ‘Rosa do Ortel’).
No sentido do oído haberá contacontos a cargo de Polo Correo do Vento, que organizarán unha experiencia interactiva cos nenos en base á historia da ‘A Fada das Camelias’. As sesións serán ás 17.30 horas o sábado e ás 17.00 horas o domingo. Tamén haberá recitados de textos relacionados coa camelia gravados por nenos dos colexios de Pontevedra.
No sentido do tacto permitirase aos visitantes tocar a camelia en todas as súas expresións: sementes, follas, pétalos, troncos… e incluso gozar do tacto do aceite de camelia, de grandes propiedades cosméticas para a pel.
No sentido do olfato daranse a coñecer as camelias olorosas, perfumes feitos coa camelia como base, cremas, xabóns, e incluso té nas súas diferentes variedades e arrecendos.
No sentido do gusto expoñeranse as receitas dos chefs do grupo Nove na provincia de Pontevedra, incluíndo os estrelas Michelin como JavierOlleros, Pepe Solla, Xoán Cannas, YayoDaporta, Rafael Centeno, Alberto Prelcic, Antonio Botana, Pablo Romero ou IñakiBretal. Este último será o encargado de facer unha demostración de cociña en directo coa camelia como ingrediente. Ademais, os alumnos do CIFP Carlos Oroza tamén farán un ‘showcooking’ no que presentarán unha receita e farán unha degustación dun prato xa presentado en Madrid e na Escola de Hostalería de Viana do Castelo no día de hoxe. Estas actividades realizaranse ás 18.00 horas do domingo.
O chefIñakiBretal, do restaurante Eirado da Leña, explicou hoxe que a utilización da camelia como ingrediente supuxo un reto para él, posto que ten un sabor “rico” co que se poden dar moitas posibilidades. “É un elemento que estamos acostumados a ter ao noso arredor pero que non usamos na cociña, polo que hai moito de experimentación nos pratos”, dixo. Neste sentido tamén se manifestou o director do Carlos Oroza, Manuel Hermo, que sinalou que os alumnos, liderados polo profesor Francisco Rodríguez realizaron “un proceso de investigación sobre a flor” para ver das súas potencialidades nas súas diferentes manifestacións: flor natural, aceite de camelia ou té. “Nos nosos traballos a camelia é un recurso máis que diferencia a Pontevedra nos sitios aos que vamos a dar a coñecer a nosa cociña”, subliñou.
Para finalizar o acto de presentación da mostra da camelia, a deputada Eva Vilaverde fixo referencia aos contedores marítimos instalados no lateral do santuario da Peregrina, facendo fincapé en que se quere chamar a atención dos pontevedreses e convidalos á mostra para demostrarlles “que Galiza é unha potencia en camelia e hai que darlle un contido máis coral”.
O LII Concurso/Exposición Internacional da Camelia abrirá as súas portas ás 17.00 horas do sábado 19 no Recinto Feiral. A inauguración oficial, á que están convidados representantes e asociacións de toda a provincia, será ás 19.00 horas. A entrega de premios será o domingo ás 12.30 horas. A entrada a todas as actividades é libre.

Deja un comentario