+034 986 09 02 04 Martes 24 de Abril de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

César Mosquera insta aos concellos a que tomen a compostaxe como “un novo método alternativo de recollida e tratamento de residuos”


O vicepresidente destacou que a primeiros de abril comunicarase aos concellos a resolución sobre os centros de compostaxe comunitaria que a Deputación instalará na provincia

Máis de 40 representantes de gobernos locais da provincia asistiron á visita aos composteiros de Príncipe Felipe
O vicepresidente provincial César Mosquera instou hoxe aos concellos da provincia a aplicar a compostaxe como “un novo método alternativo de recollida e tratamento de residuos”. O nacionalista insistiu que é preciso xeralizar a instalación de centros de compostaxe colectivos e individuais para poder eliminar os contedores actuais e a súa recollida de forma periódica, o que suporía un aforro substancial para as arcas municipais de todos os municipios da provincia.
Mosquera, no seu encontro con máis de 40 representantes municipais, explicou que hai concellos que teñen repartido composteiros individuais de xeito espallado no territorio e subliñou que iso funcionou ata o de agora dentro dunha fase de concienciación e sensibilización, “mais non como unha posible alternativa xeralizada de recollida e tratamento”. O vicepresidente insistiu en que ese reparto de composteiros “non aporta nada” porque os seus custes se suman aos do sistema de recollida actual cos contentores verdes e a incineración en Sogama. “Eso só encarece porque se manteñen os dous sistemas de tratamento. Ocorre igual cos centros de compostaxe comunitaria (CCC): se só se instalan tres por concello só hai un gasto a maiores porque o sistema actual hai que mantelo”, dixo, por iso invitou aos representantes municipais a “ir pensando en utilizar a compostaxe como sistema alternativo” de recollida e tratamento de residuos que permita tratar a parte orgánica da bolsa do lixo (restos de comida e vexetais) no mesmo lugar onde se xeran. O vicepresidente provincial fixo a reflexión, así mesmo, de que é preciso estudar administrativamente como poden actuar os concellos cos seus contratos coas empresas concesionarias.
Mosquera tamén subliñou que a visita se organizou para demostrar que “a compostaxe comunitaria é viable e non produce máis molestias que uns contentores normais”. “Príncipe é un laboratorio e exemplo totalmente natural de como funcionan os centros de compostaxecomunitarios que colocarán nos concellos. Aquí xestiónannos os aspirantes a mestres e mestras composteiros que fan as súas prácticas nas instalacións vendo como evoluciona o proceso ben ou mal segundo se xestiona. Non hai mellor cousa que coñecer para poder formar unha opinión, e no caso dos concellos agardo que sexa positiva”, indicou.
Pola súa banda, o asesor provincial de Residuos, Carlos Pérez, realizou unha explicación sobre o proceso da compostaxe. Indicou que se trata dun proceso biolóxico aeróbico no que se mezclan os restos de comida e vexetais do lixo (que supón máis do 40% do lixo que xera cada domicilio) cun estruturante ou parte seca que provén de podas de materia leñosa. Pérez explicou que os veciños só teñen que depositar o seus residuos orgánicos no primeiro módulo do composteiro e aportar un pouco de estruturante. Despois serán os mestres e mestras composteiros os que se encarguen de controlar que todo o proceso se faga correctamente realizando medicións de temperatura, os volteos necesarios para osixenar a mistura e corrixir os posibles problemas que se presenten.
En canto ás instalacións de compostaxe, o técnico explicou que os CCC estarán formados como mínimo por tres módulos de un metro cúbico que darán servizo a 60 persoas e como máximo de doce módulos para uns 300 veciños. Os cidadáns terán que depositar os seus desperdicios no primeiro dos módulos, que se calcula que estará cheo no prazo dun mes para que logo os mestres composteiros vaian trasladando o produto ao módulo seguinte. Logo doutro mes o resultado pásase ao terceiro módulo. Pasados 90 días xa se obtén o compost.
Sobre o subministro dos CCC da Deputación aos concellos ao abeiro do Plan Compost Revitaliza, o vicepresidente Mosquera sinalou que a primeiros de abril se poderá coñecer a resolución definitiva. Nestes momentos está a piques de finalizar o proceso de adxudicación da empresa que abastecerá das unidades modulares.
Todo estoexplicouse na reunión mantida hoxe en Príncipe Felipe para coñecer o funcionamento ‘insitu’ dos composteiros estático e dinámico instalados na cidade infantil. Estiveron presentes alcaldes e concelleiros da Illa de Arousa e Cuntis, Pazos de Borbén, Tomiño, Cambados, Baiona, Poio, Catoira, Sanxenxo, O Grove, Tui, Caldas de Reis, Silleda, Valga, Bueu, Barro, Moaña, Cangas, Vilaboa, Rosal, Lalín ou Vilagarcía, entre outros.

Deja un comentario