+034 986 09 02 04 Luns 20 de Novembro de 2017

O concello de Campo Lameiro acolle mañá o obradoiro para a elaboración das Directrices da Paisaxe


O taller terá lugar na aula CeMIT, ás 18,30 horas

Un dos obradoiros de elaboración das Directrices da Paisaxe que está promovendo a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio chegará mañá a Campo Lameiro. Este taller comezará ás 18,30 horas e terá lugar na aula CeMIT (Praza da Feira, s/n).

Os participantes comprenderán tanto axentes convidados polo seu coñecemento da área paisaxística ou a súa actividade vinculada á xestión da paisaxe, como calquera persoa que desexe asistir e se inscriba na dirección secretaria.iet@xunta.es ou chamando aos teléfonos 981541755/981541756.
Esta actividade forma parte dos 50 talleres públicos que o departamento autonómico organiza en toda Galicia, un por cada unha das 50 comarcas paisaxísticas nas que se divide o noso territorio. Esta distribución pretende garantir unha maior equidade espacial no proceso de participación, facilitando á poboación de todos os ámbitos territoriais o acceso a este proceso dun xeito presencial.

Este obradoiro compleméntase coa posta en marcha dunha plataforma web participativa a través da cal calquera persoa, dende calquera lugar e en calquera momento, poderá aportar a súa opinión e o seu coñecemento para o deseño das directrices da paisaxe galega. Esta plataforma está dispoñible na dirección https://sixot.es/Paisaxe.

Neste taller, os participantes poderán expresar as súas aspiracións en canto aos obxectivos de calidade paisaxística, é dicir, as súas preferencias en canto ás características paisaxísticas da súa contorna, así como a súa opinión sobre as posibles medidas de protección, planificación e xestión da paisaxe.

Tamén traballarán coa plataforma web, na que poderán valorar os principais tipos de paisaxe da súa comarca paisaxística e elixir os tipos de paisaxe preferidos de cara á súa planificación futura. Así mesmo, a través desta web os usuarios poderán localizar puntos relevantes dende o punto de vista paisaxístico e asignarlles unha valoración, determinar os elementos que os compoñen e propoñer medidas de actuación para os mesmos.

As Directrices
Cabe destacar que a Consellería de Medio Ambiente xa seguiu un proceso de participación cidadá para a elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia, que agora se atopa en proceso de exposición pública. Agora abre ese mesmo procedemento para a elaboración destas directrices, que xunto co Catálogo, conformarán o Atlas das Paisaxes de Galicia.

A Lei de Protección da Paisaxe da Galicia establece que as Directrices de Paisaxe deben recoller os obxectivos de calidade paisaxística, que “deben expresar as aspiracións da cidadanía en canto á valoración e o grado de compromiso da colectividade na protección das nosas paisaxes, polo que a determinación destes obxectivos farase mediante un proceso de participación pública”. O mesmo Convenio Europeo da Paisaxe afirma que, unha vez identificados e valorados os diferentes tipos de paisaxes (proceso xa realizado no Catálogo), deben definirse os obxectivos de calidade paisaxística para os mesmos, despois dunha consulta pública.

Deja un comentario