+034 986 09 02 04 Luns 06 de Xullo de 2020

A Consellería de Cultura e Educación implantará o Bacharelato no IES de Ponteareas


 

Esta decisión dá resposta a unha demanda histórica do centro educativo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria implantará o Bacharelato no IES de Ponteareas o vindeiro curso 2016/2017; unha decisión coa que se dá resposta a unha demanda histórica do centro, ademais de completar a oferta educativa da localidade, de tal forma que todos os IES existentes – de Ponteareas, Pedra da Auga e Val do Tea – impartirán ESO e Bacharelato.

Con esta medida soluciónase, tamén, a previsión de incremento do alumnado para os vindeiros cursos, evitando exceso de alumnos nos IES Val do Tea e Pedra da Auga. De feito, no curso actual, o IES Val do Tea ten 4 grupos de 1º de Bacharelato e 3 grupos de 2º. O IES Pedra da Auga ten 2 grupos de 1º de Bacharelato e 3 de 2º, o que supón un incremento de grupos de alumnos de Bacharelato respecto de anos anteriores.

A implantación das ensinanzas post-obrigatorias no IES de Ponteareas supón a creación de 60 prazas (2 unidades) en 1º de Bacharelato que terán a súa continuidade o seguinte curso en 2º. Cómpre sinalar este centro conta coas instalacións necesarias para a implantación destes dous grupos, tanto a nivel de aulas como de laboratorios e aulas de tecnoloxía e plástica co material necesario que esta etapa implica.

Reforma do taller
Respecto das obras de arranxo do taller de FP afectado por un incendio neste centro, cómpre lembrar que o xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares, xa se reuniu a semana pasada con representantes dos alumnos, docentes e equipo directivo para explicarlles que se realizarán neste verán e estarán listas para o inicio do curso 2016/2017.

O obxectivo do departamento educativo da Xunta de Galicia é presentar canto antes ao Concello o proxecto técnico para axilizar a tramitación das obras, que terán un custe de arredor de 215.000 euros. Os traballos desenvolveranse no verán co fin de garantir o normal desenvolvemento do curso escolar.

Ademais Pérez Ares lembroulles que o centro xa recibiu a partida económica remitida dende a Xefatura Territorial para a adquisición do material necesario de cara ao normal desenvolvemento da actividade lectiva, así como orzamento para o pago das reparacións de varias ferramentas e materiais que foron peritados tras o incendio.

Deja un comentario