+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

Cubela asina a primeira regulación laboral de funcionarios e persoal laboral


CSIF, CCOO e CIG e os delegados de persoal respaldaron o documento, no que se recollen as condicións e a situación profesional do persoal

 

O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, acaba de asinar coas organización sindicais o primeiro acordo regulador do persoal funcionario e o primeiro convenio colectivo do persoal laboral co Concello de Cotobade co gallo de regularizar perfectamente a situación profesional de todos os traballadores municipais. O rexedor local rubricou os dous documentos, que amparan á trintena de empregados do Concello, cos sindicatos CSIF, CCOO e CIG e cos delegados de persoal, que respaldaron deste xeito o documento tras a correspondente negociación dos dereitos e obrigas laborais.

As dúas regulacións terán unha vixencia de catro anos e permanecerán operativas ata o 31 de decembro de 2019, aínda que existen cláusulas que recollen a súa prórroga automática ano a ano se non se producen modificacións substanciais das condicións de traballo.

Ademais dos correspondentes mecanismos de control para que os acordos sexan cumpridos, o convenio regulador dos funcionarios e o colectivo do persoal laboral tamén inclúen aspectos vencellados á negociación colectiva, ao absentismo laboral, a calidade dos servizos, a solución de conflitos, a asistencia e permanencia no traballo, a xornada laboral, que será de 37,5 horas semanais, gratificacións, vacacións e permisos, as excedencias, as condicións profesionais, o sistema retributivo e as condicións económicas e sociais e o réxime disciplinario, entre outros.

A atención ao público queda fixada oficialmente de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres e de
9.00 a 13.00 horas os sábados exclusivamente para o servizo de rexistro xeral.

“Estou moi satisfeito destes acordos, que regulan por vez primeira a situación profesional dos traballadores municipais, porque creo moito na defensa dos dereitos dos nosos empregados e de calquera profesional. Temos unha plantilla moi axeitada, profesional e implicada co traballo para a mellora da calidade de vida da nosa comunidade e por iso creo que é de xustiza darlle seguridade xurídica ás súas obrigas e aos seus dereitos. Ademais, este convenio será tamén moi bo para o interese xeral de Cotobade porque a regulación serve de folla de ruta e mellora a productividade”, sinalou Cubela, que quixo agradecer a vontade e o esforzo feito nas negociacións polos sindicatos e polo persoal municipal.

Deja un comentario