+034 986 09 02 04 Luns 27 de Xaneiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O Museo de Pontevedra pon en marcha un proxecto piloto para deseñar o seu plano guía definitivo


A experiencia baséase na participación das persoas visitantes, que poden usar un plano guía provisional para detectar os puntos menos operativos

O Museo de Pontevedra vén de poñer en marcha un proxecto piloto para deseñar un plano guía funcional e operativo das salas visitables do Sexto e do Edificio Sarmiento. Trátase dunha iniciativa participativa que demanda a implicación das persoas que acceden ao Museo nunha visita ordinaria e que non coñecen o edificio. Deste xeito, ofréceselles usar un plano guía provisional que deben usar no seu percorrido polos dous edificios e, ao finalizar a visita, indicar o nivel de operatividade que lles ofreceu o documento e, no caso de que proceda, sinalar en que punto ou puntos tiveron dificultades de orientación ou comprensión.
Polo momento, tan só se levan realizado pouco máis dunha vintena de enquisas, se ben a gran maioría, un 73%, indicou que o documento é bastante ou moi claro. Co incremento de visitantes que se soe producir durante o período de Semana Santa, desde o Museo espérase avanzar considerablemente neste proxecto piloto, e poder contar en breve co plano guía definitivo.
Polo momento, estanse a usar versións en galego e en español, se ben está previsto que cando se elabore o documento definitivo se amplíe a unha versión en inglés e non se descartan incluír outros idiomas. O proxecto piloto céntrase en proporcionar unha orientación clara ao visitante polos diferentes andares destes dous edificios, partindo do principio básico de sinalar cada andar cunha cor que se corresponde coa que se lle asigna na señalética da sala.
Así, ao andar -1 onde se sinala o Salón de Actos e os Talleres de Restauración; e o andar 00 onde se atopan a entrada e saída, as salas de exposicións temporais e a muralla correspóndelles a cor azul; o andar 1 sinala en violeta as salas de Prehistoria e Antigüidades e Arte Galega e Española dos séculos XIV a XIX; o andar 2, en amarelo, inclúe Arte Galega e Española do XIX e XX, as salas que conteñen a obra de Manuel Quiroga e de Castelao, as salas dedicadas a Sargadelos e Pontecesures, Cerámica española, Arte Oriental correspondente á Colección Sánchez Mesas – Fernández de Tejada, e Arte Española do século XX tamén da Colección Sánchez Mesas -Fernández de Tejada; e por último a planta 3 sinala en verde a Arte Galega e Española do século XX.
No reverso do plano, o documento complétase cos horarios do Museo, con información sobre os días de peche semanais e anuais, indica a gratuidade da entrada, inclúe o enderezo da páxina web e de Facebook para as persoas interesadas en buscar información sobre as actividades que organiza o Museo, e inclúe a localización dos demais edificios do Museo no rueiro da cidade.
Peche temporal da Sala Castelao
Con motivo do movemento de obras para a próxima apertura da exposición ‘Castelao Artista, fundamentos do seu estilo. 1905-1020’, a Sala Castelao 1 permanecerá pechada durante a última semana de marzo -o martes 29 de marzo xa non abrirá as súas portas ao público-.
Este peche será temporal e días despois da inauguración desta primeira gran exposición sobre Castelao, reorganizarase a súa obra e volverá abrise a Sala 1 dedicada a este autor. Este movemento de obra faise preciso debido ao período temporal escollido para a mostra de ‘Castelao Artista’ que inclúe sobre todo obras sobre os seus inicios como artista plástico.
‘Castelao Artista, os fundamentos do seu estilo. 105-1020’ será inaugurada o 1 de abril coincidindo co Día das Artes Galegas, que nesta ocasión se lle dedica precisamente ao artista rianxeiro. Estará ubicada nas tres salas de exposicións temporais da planta baixa ata o 5 de xuño e será a primeira gran exposición que o Museo lle dedicará a este autor. En xuño está previsto que se inaugure ‘Meu Pontevedra’, a mostra coa que se conmemorará o centenario da chegada de Castelao á cidade de Pontevedra.

Deja un comentario