+034 986 09 02 04 Xoves 22 de Febreiro de 2018

Judo, obradoiro de reciclaxe e cinema para os máis pequenos no cuarto día das Festas de San Telmo


A corporación municipal visitará as residencias tudenses Paz y Bien e San Telmo acompañados polo grupo Arume de Malvas. O grupo Chirlomirlo actúa mañá dentro na Semana de Teatro Afeccionado

Proseguen as actividades na cidade co gallo das Festas de San Telmo 2016.
Mañá martes de 11h a 13h o novo Pavillón Municipal acollerá novamente unha actividade de judo para nenos, maiores de 5 anos, a cargo do Judo Club Tudense. As prazas son limitadas polo é necesaria a inscrición a través do enderezo electrónico jctudense@gmail.com, ou no teléfono 689.018.511.
Os nenos son tamén os destinatarios das actividades previstas de 11.30h a 13.30h no Paseo da Corredoira, ou en caso de choiva na Área Panorámica porta 4. En un Tris Tras realizará, baixo o título de “Reciclaxe”, obradoiros para que os nenos poidan darlle un novo uso a CDs e distintos materiais de papel ou cartón.

Xa pola tarde, ás 16.30h na Sala Félix Rodríguez, porta 10 da Área Panorámica, proxectarase a película de cinema infantil “Atrapa la Bandera”. A entrada é libre ata completar o aforamento.

A corporación municipal visitará as residencias Paz y Bien, ás 17h, e San Telmo, ás 18h, acompañados polo grupo Arume de Malvas, achegando deste xeito a animación musical das festas ao maiores que aquí viven.

Para rematar a xornada do martes o grupo de teatro Chirlomirlo de Randufe estreará ás 21.15h no Teatro Municipal “Romeo e Xulieta”, dentro da VIII Semana de Teatro Afeccionado San Telmo. Areta Bolado dirixe aos dez actores que dan vida a esta comedia que presenta unha versión cómica da obra clásica. As entradas, ao prezo de 1,5€, poranse á venda ás 20.45h.

Deja un comentario