+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

O concello potenciará os usos sociais do Lalín Arena para diversificar a súa actividade e favorecer a prestación de servizos


As instalacións deportivas acollerán un programa de integración social a partir do vindeiro mes de maio

 

O Goberno municipal ten previsto impulsar a posta en marcha dun programa de integración social no Lalín Arena. Este proxecto persegue un dobre obxectivo: por unha banda, achegar ao casco urbano o desenvolvemento deste tipo actividades para facilitar o acceso ás mesmas e, por outra banda, diversificar as iniciativas que se desenvolven nas instalacións do complexo deportivo para seguir explotando as súas potencialidades e dotalo de maior contido.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, explicou esta mañá que o “Lalín Arena reúne as condicións idóneas para levar a cabo algunhas das propostas incluídas dentro deste programa de integración social”. Neste sentido, indica que “o emprazamento do complexo deportivo permitirá incrementar o número de participantes con respecto as iniciativas que, por exemplo, se desenvolvían na antiga aula da UNED”. Ao mesmo tempo, Casares considera que a dotación de equipamento do Lalín Arena, “como a piscina ou o material de ximnasia”, servirán para ofrecer un mellor servizo aos usuarios destas actividades.

O concelleiro anunciou que este proxecto vai dar comezo o vindeiro mes de maio coa posta en marcha de iniciativas dirixidas a persoas con alzhéimer. Neste sentido, está previsto a realización dun curso para coidadores e diferentes actividades e obradoiros de memoria e psicomotricidade, unha iniciativa que se prolongará ata o mes de novembro.

De maneira previa, o Goberno municipal vai renovar en abril o convenio de colaboración con AFAPO, a asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias. Por medio deste acordo, o Concello realizará unha achega de cinco mil euros para subvencionar as actividades que desenvolve esta entidade e que, entre outras cousas, permitirán desenvolver no Lalín Arena non só as actividades psicocognitivas, senón tamén as físicas.
Os obxectivos deste programa pasan por ralentizar na medida do posible o deterioro cognitivo, a perda de memoria e a mobilidade dos enfermos, así como fomentar a capacitación e mellorar a calidade de vida das familias coidadoras. Outro dos obxectivos do curso é mellorar a calidade de vida das persoas con alzhéimer e fortalecer as súas relacións sociais.
Ata o de agora, no Lalín Arena xa se realizarán diferentes actividades no eido social como as desenvolvidas por Working Wheels ou a Escola de Pais. De maneira complementaria estase a formar a traballadores do Arena para a atención a nenos e nenas con necesidades especiais.

Deja un comentario