+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018

Mos entrega as axudas do Plan Cultural Municipal do 2015


A administración local mosense demostra o seu apoio á cultura subvencionando a 20 agrupacións cun total de 22.400 euros

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Política Social mosense, Sara Cebreiro, entregaron esta tarde a liquidación do ano 2015 do Plan Cultural do Concello.

En total a administración local mosense repartiu 22.400 euros entre 20 entidades municipais con grupos musicais, de baile, teatro, corais, folcóricos etc. As asociacións beneficiarias que onte acudiron a recoller as súas correspondentes axudas económicas foron: o Círculo Cultural Abrente, o Círculo Recreativo e Cultural As Pedriñas, o Círculo Cultural Santa Eulalia de Mos, a Asociación de Veciños San Martín de Tameiga, o Círculo Recreativo e Cultural de Torroso, o Centro Cultural e Social de Herville, a Sociedade Cultural e Recreativa de Guizán, a Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, o Grupo de Baile e Música Nosa Terra de Pereiras, Celado de Cela, o Grupo Folclórico Arume de Guizán, a Asociación Cultural Os de Triana, Tangaraño, a Coral Ventos do Val, a Coral O Son dos Cantares, Xógara, Asomamos, As Lagharteiras, A Cividade de Louredo e a Asociación de Veciños San Rafael de Pereiras.

O Plan Cultural do Concello de Mos ten o beneficio de que calquera asociación ou centro cultural poden solicitar, previa inscrición, actuacións gratuítas con cargo a este plan dun dos grupos ofertados dentro de dito Plan Cultural; sendo o Concello o que asume o custe das actuacións realizadas polos grupos durante o ano. Cada asociación pode pedir actuacións que non sexan dun grupo da súa propia parroquia, para asegurar deste xeito o intercambio cultural entre parroquias.

Segundo declarou a edil Sara Cebreiro “o obxectivo do Plan Cultural do Concello é dar apoio ás entidades culturais e veciñais municipais que teñen grupos artísticos para contribuír cos programas culturais e musicais das asociacións, para que estas poidan acadar os seus propios obxectivos, ó tempo que estimulamos a participación de cidadáns e cidadás nas diferentes liñas de acción que definen ditas entidades”.

Ademais, outra das finalidades do plan é contrubuír a promover a difusión e a posta en valor de todas as manifestacións da cultura popular galega, así coma todas as accións destinadas á recuperación do seu patrimonio: tradicións, historia, folclore, etnografía, etc.

As representantes municipais aproveitaron por último para lembrar que mañá abrirase o prazo de inscrición no Plan Cultural 2016 e que as asociacións interesadas en entrar a formar parte del poden solicitalo ata o vindeiro 18 de abril debendo estar previamente inscritas no Rexistro de Asociacións do Concello de Mos.

Deja un comentario