+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

Alumnos mosenses visitan ACEESCA como parte dun obradoiro de integración


 

Coñeceron as instalacións, ós usuarios e a actividade que se desenvolve no centro

Os concelleiros de Coordinación de Asociacións, Patrimonio e Servizos e de Política Social e Cultura, Camilo Augusto e Sara Cebreiro, respectivamente, acompañaron esta mañá ós cativos de 3º curso de Primaria do Colexio de Atín durante a visita guiada que fixeron polas instalacións de ACEESCA no Porriño.

 

Dita visita inclúese no proxecto “Obradoiros de Integración” organizado pola concellería de Educación e Participación Cidadá, que ten como obxectivo dar continuidade á relación de colaboración mutua entre os centros educativos do Concello de Mos e os centros que compoñen a Asociación ACEESCA.

 

A través de diversas experiencias de traballo conxunto, preténdese promover valores e actitudes que fomenten a igualdade de dereitos para tódolos axentes da sociedade, promovendo a inclusión social e acadando o enriquecemento de tódalas partes involucradas.

 

Esta visita a ACEESCA realizada hoxe, ten a intención de dar continuidade a este proxecto. A xornada consistiu nunha visita guiada ao centro de ACEESCA co fin de que os/as escolares coñeceran en primeira persoa as súas instalacións e comprobasen da súa man os diferentes traballos que se desenvolve nel. Para elo leváronse a cabo tres obradoiros impartidos polos/as usuario/as do centro: introdución a lingua de signos, unha xincana adaptada e un obradoiro de animación á lectura adaptada. Toda a actividade desenvolveuse das mans dos/as usuarios/as de ACEESCA polo que ao logo da xornada tódolos/as participantes estiveron en convivencia.

Como xa se dixo, os/as beneficiarios/as desta actividade foron o grupo de 3º curso de Educación Primaria do CEIP Atín. Os obxectivos desta iniciativa son favorecer a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual, dando a coñecer e convidando a participar na súa vida diaria á comunidade educativa do Concello de Mos, fomentar valores baseados fundamentalmente na colaboración e respecto mutuos entre os principais destinatarios do proxecto: escolares de Mos e usuarios de ACEESCA e participar en proxectos de traballo compartidos promovidos e apoiados por cada unha das partes integrantes do proxecto.
A visita realizouse en horario matinal de 10.00 horas a 13.00 horas e participaron un total de 21 alumnos divididos en tres grupos.

Deja un comentario