+034 986 09 02 04 Luns 25 de Xuño de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Rapaces e rapazas de 450 centros de ensino coñecerán a compostaxe a través de charlas, exposicións, un congreso de educación ambiental e un blog


O director do CEIDA calificou o Plan Compost Revitaliza de “modelo relevante e exemplificador”

Rapaces, rapazas e profesorado de 450 centros de Primaria e Secundaria da provincia coñecerán a importancia da compostaxe como modelo de xestión do lixo grazas ao convenio que a Deputación Provincial asinou hoxe co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Todos os membros das comunidades educativas poderán coñecer o sistema alternativo que impulsa a institución provincial grazas a charlas, exposicións itinerantes, á participación nun congreso de Educación Ambiental e ao seguimento dun blog. Segundo explicou o vicepresidente César Mosquera, os técnicos do CEIDA desenvolverán todas estas actuacións dentro do proxecto ‘A xestión dos residuos na provincia de Pontevedra: a compostaxe’ para concienciar á comunidade educativa da problemática dos residuos e acadar un cambio de actitudes e de responsabilidade na separación dos restos orgánicos de cada vivenda. “A idea é chegar a todos os colexios da provincia nos vindeiros catro anos. É un obxectivo moi ambicioso que teremos que abordar por fases e con diferentes intensidades, pero imos arrancar xa, de maneira inmediata, con moita ilusión, voluntarismo e intensidade”, asegurou.

O CEIDA é un consorcio do que forman parte a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, a Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros e os seus fins son a información, a formación e educación ambiental e a extensión universitaria. O seu acordo coa Deputación de Pontevedra débese á necesidade de dar a coñecer que a xestión dos residuos é un dos principais problemas aos que diariamente se teñen que enfrontar os concellos e de poñer en valor a aposta clara da institución provincial polo impulso da compostaxe comunitaria como modelo máis económico e ecolóxico. “Tiñamos claro quen era a entidade que debía facer a campaña de concienciación escolar: o CEIDA, xa que é un organismo público, dedicado a estes fins, e unha referencia en Galiza en educación ambiental, ademais de ter experiencia neste tipo de traballos”, sinalou Mosquera, quen subliñou que no convenio deste ano investiranse 80.000 euros das arcas provinciais.

Para cumprir coa súa parte do convenio o CEIDA porá en marcha o proxecto ‘A xestión dos residuos na Provincia de Pontevedra: a compostaxe’, que está dirixido a tódolos nenos e nenas de Primaria e Secundaria da provincia -preferentemente dos centros educativos próximos aos centros de compostaxe comunais da Deputación- e ao seu profesorado. A intención é coordinar e facer un seguimento individualizado do programa educativo en cada centro, ofertando e adecuando as actuacións ás demandas de cada equipo educativo. Os rapaces recibirán formación sobre compostaxe mediante charlas, exposicións itinerantes, información, blogs e tamén mediante a celebración dun congreso. Cabe a posibilidade de instalar tamén composteiros nos mesmos centros educativos, mais deberán estudiarse os casos de xeito individual.

Congreso de Educación Ambiental

Unha das cuestións propostas á Deputación por parte do CEIDA é a celebración dun Congreso Escolar de Educación Ambiental. Os centros interesados en traballar de xeito sistemático e dinámico sobre a importancia de xestionar ben os residuos mediante a compostaxe terán o asesoramento e seguimento do CEIDA ademais de apoio económico. Toda esa experiencia educativa será recollida nun documento final para que os propios alumnos que participaron no proxecto lles conten o seu traballo a outros alumnos doutros centros nese congreso de educación ambiental que se celebrará cara a finais de ano. Segundo sinalou o director do CEIDA, Carlos Vales, “con isto foméntase a innovación educativa, axúdase economicamente a que se fagan actividades relevantes dende o punto de vista da xestión ambiental, e promóvese o intercambio de experiencias entre os rapaces e o profesorado. As experiencias máis relevantes, así mesmo, serán recollidas nun documento que se pode replicar para divulgar nos centros”.

Vales sinalou que a educación ambiental é unha ferramenta para resolver problemas ambientais reais. Apuntou que “para nós é unha satisfacción ser un medio máis para un proxecto de xestión dos residuos no ámbito da provincia que consideramos que pode ser moi relevante e moi exemplificador”, en referencia ao Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra. “Queremos traballar nas áreas de influencia dos composteiros para que dende o sistema educativo contribuamos a que o obxectivo se cumpra e o Plan Compost sexa un éxito. Contamos con xente que acredita que paga a pena apostar pola compostaxe, que é unha responsabilidade social que estou convencido de que vai ter éxito e vai ser replicada. Todo o que sexa tratar o lixo en proximidade é de sentido común. O máis caro do lixo é o transporte. Ademais dende un punto de vista de coherencia ambiental parece unha tolemia levar mondas de plátano a Cerceda a queimar… É un sinsentido se iso se pode transformar en abono de calidade a pé de produción de residuo. Intentaremos colaborar en que esa racionalidade sexa un éxito”, dixo.

Hai que lembrar que a Deputación de Pontevedra ten entre os seus obxectivos estratéxicos a colaboración cos concellos na posta en marcha de plantas de compostaxe comunitaria co fin de cumprir coas obrigas legais fixadas dende a Unión Europea en materia de reciclaxe. No ano 2020 é preciso preparar 0 50% dos residuos urbanos, algo moi lonxe de poder cumprirse se non se abordan os residuos orgánicos.

Deja un comentario