+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

Os xoves empresarios de Pontevedra preséntanlle á Xunta a XIX edición do ‘Premio Xove Empresario do Ano’


Os orzamentos de 2015 blindan as partidas destinadas a emprendedores, cooperativas e autónomos, que contarán con 27 millóns de euros

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, reuníronse coa presidenta de AJE Pontevedra, Lucía Pedroso, para coñecer os pormenores do ‘XIX Premio Xove Empresario do Ano’, que se celebrará o vindeiro 21 de novembro na cidade do Lérez.

Rueda enxalzou o premio e manifestou que o Goberno galego apoiará a todas as iniciativas que vaian na liña de apoiar aos novos empresarios, seguir mellorando o tecido produtivo galego e respaldando aos emprendedores. Nestas liñas traballa a Xunta, convencida de que son clave para saír da crise, especialmente agora que se albisca a recuperación.

O empeño da Xunta é facilitar o camiño ao emprendedor, eliminando barreiras burocráticas, creando un clima competitivo e impulsando a innovación e as boas ideas. Para iso, aprobouse unha lei de emprendemento, puxéronse en marcha ferramentas de financiamento e se está facendo especial fincapé nas mulleres emprendedoras, ás que se apoia con programas como o Emega, que nos últimos anos investiu máis de 4 millóns de euros para incentivar o emprendemento feminino.

Ademais, cada ano o Goberno galego redobra o seu compromiso cos emprendedores e cos empresarios. Así en 2015 ampliarase a dedución por creación de novas empresas o por ampliación de empresas de nova creación ás sociedades cooperativas e laborais; e se blindarán nos orzamentos as partidas destinadas a emprendedores, cooperativas e autónomos, que contarán con 27 millóns de euros.

‘Xove Empresario do Ano’
O ‘Premio Xove Empresario do Ano’ foi creado en 1995 co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento socio-económico da provincia de Pontevedra, incentivar a iniciativa e a diversificación e apoiar as iniciativas profesionais dos empresarios máis novos da provincia. O acto de entrega, como cada ano, farase no marco dunha gala-cea no Liceo Casino de Pontevedra.

O Premio Xove Empresario consistirá nun iPad e 3.000 euros destinados a formación da Escola de Negocios Afundación. O premio Xove Emprendedor constará de 2.000 euros de formación nesta mesma escola e un aloxamento gratuíto durante un ano nun dos viveiros do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Ademais, entregaranse tamén dous accésits para recoñecer iniciativas de innovación e creación de emprego e un premio honorífico a un empresario ou empresaria de recoñecido prestixio da provincia de Pontevedra. O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro luns, 17 de outubro, e pode consultarse toda a información de como facelo na páxina web da asociación www.ajepontevedra.com.

Deja un comentario