+034 986 09 02 04 Venres 14 de Decembro de 2018

92 pilotos competirán este sábado no I Rallie da Eurocidade Tui-Valença


Un total de 92 van competir esta sábado no I Rallie da Eurocidade Tui-Valença organizado polo Escudería Dona Urraca coa colaboración do Concello de Tui, da Cámara Municipal de Valença e co apoio de distintas casas comerciais.

O mundo dos rallies será o protagonista deportivo da fin de semana recuperando así a tradición que neste tipo de probas existe tanto en Tui coma en Valença.

A presentación do I Rallie da Eurocidade tivo lugar este mediodía no Parador de Turismo de Tui coa presenza o alcalde de Tui, o presidente da Cámara de Valença, o presidente da Federación Galega de Automobilismo, xunto ao vereador de Desporto de Valença e o presidente e responsable técnico da Escudería Dona Urraca.

O venres dende ás 17.30h no entorno da Piscina Municipal de Valença terán lugar as verificacións técnicas do coches participantes que logo se achegarán ata a Praza da República. O parque pechado quedará instalado na rúa Compostela en Tui. O sábado, dende primeira hora da mañá, os pilotos participantes, entre os que estarán Manuel Senra e Amador Vidal, así coma o local Pedro Tapia, terán que completar os 236 quilómetros de que consta o rallie, 94 deles serán cronometrados. Serán un total de catro tramos dous deles en Valença e dous en Tui.

Na presentación deste I Rallie da Eurocidade o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, amosouse convencido de que esta proba se converterá nun dos rallies máis importantes de Galicia e de España. Aseguraba tamén o rexedor tudense que “a Eurocidade sairá fortalecida co importante movemento económico que se vai xerar”. Tivo palabras tamén Moisés Rodríguez para destacar o traballo realizado pola Escudería Dona Urraca na organización desta competición.

Mentres o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, salientaba o entusiasmo que está proba está crear, indicado que é “a primeira incursión da Eurocidade no deporte do motor”. Afirmaba amais que traballando de xeito conxunto pódese organizar un evento de referencia no mundo dos rallies.

O presidente da Escudería Dona Urraca, Marcos Romero, explicou coma o Rallie de Regulariedade celebrado en San Telmo en Tui serviu de test para a organización deste Rallie da Eurocidade que unirá Tui e Valença entorno ao mundo do motor. Fernando Fernández, director técnico do Rallie, salientou o ben estruturada que está a proba, e fixo un chamamento ao público a colaborar coa organización colocándose en sitios altos e seguros para presenciar o paso dos pilotos.

O presidente da Federación Galega de Automobilismo, destacou o importante nivel de afeccionados ao mundo do motor tanto en Portugal coma en Galicia, e aproveitou para facer entrega de sendos agasallos ao alcalde de Tui e ao presidente da Cámara de Valença polo seu apoio a este rallie.

Esta competición é puntuable para o Campionato Galego de Rallies sobre asfalto, e para a Copa Galicia de Rallies, amais establécese un Trofeo de Gañadores.

A Radio Municipal de Tui é a emisora oficial do I Rallie da Eurocidade.

Deja un comentario