+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O Modelo de Mobilidade de Pontevedra, experiencia de referencia nas Xornadas sobre Mobilidade Urbana Sostible de Valencia


O vicepresidente provincial, César Mosquera, e o asesor provincial de Mobilidade, Jesús Fole, participan nun intercambio de experiencias sobre os resultados de iniciativas de calmado do tráfico en contornas municipais

Atendendo a un convite do Ajuntament de València, o vicepresidente provincial, César Mosquera, acompañado do asesor de Mobilidade, Jesús Fole, participará o vindeiro mércores na Xornada ‘Planes de Movilidad Urbana Sostenible. El papel del coche en la nueva movilidad’. César Mosquera será o encargado de expoñer as principais liñas de calmado do tráfico e de seguranza viaria que se contemplan no plan de mobilidade provincial e que toman como punto de partida as actuacións realizadas neste ámbito na cidade de Pontevedra.
A xornada celebrarase o vindeiro mércores 6 de abril e César Mosquera e Jesús Fole intervirán nunha mesa de intercambio de experiencias -prevista entre as 12:00 e as 14:00 horas- para expoñer o modelo pontevedrés, compartindo relatorio con representantes dos concellos de Madrid, Barcelona, Valencia e Vitoria-Gasteiz.
O papel do coche na nova mobilidade será un dos aspectos máis relevantes a tratar nesta cita, abordando estratexias para reducir o seu uso e fomentar medidas de racionalización do tráfico e un novo reparto e reorganización dos espazos públicos. Neste apartado, é onde a organización da xornada estimou necesaria a presenza de representantes do modelo de mobilidade de Pontevedra por considerar que é unha das cidades do Estado que xa ten consolidado un proceso de cambio, e que mesmo o está ampliando ao resto das vilas da provincia a través do Plan Móvese. Ademais do papel do coche na seguridade das cidades, tamén se exporán resultados contrastados tras aplicar técnicas de calmado de tráfico e abordarase a integración da seguranza viaria na planificación da mobilidade.
Esta xornada enmárcase dentro do proxecto europeo Endurance, para promover Plans de Mobilidade Urbana Sostible, a creación de redes e o intercambio de experiencias. A Xornada está dirixida a responsables políticos e técnicos municipais con competencias en mobilidade, ademais de profesionais, emprendedores e empresas que provean servizos de mobilidade urbana sostible.

Deja un comentario