+034 986 09 02 04 Luns 09 de Decembro de 2019

O concello de Ponte Caldelas pon en marcha un programa de dinamización rural con excursión gratuítas dunha xornada


Os veciños e veciñas que queiran participar nesta iniciativa poderán viaxar a Allariz, Camariñas, Pedrafita do Cebreiro, Lugo, Viveiro ou A Ribeira Sacra

 

O equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas, que lidera o alcalde Andrés Díaz, pon en marcha un programa de dinamización da poboación rural a través da celebración de excursión gratuítas dunha xornada a lugares como Allariz, Camariñas, Pedrafita do Cebreiro, Lugo, Viveiro ou A Ribeira Sacra.

Estas excursións de índole turístico-cultural terán un número máximo por viaxe de 160 prazas e os interesados deberán inscribirse a través dunha instancia no Concello de Ponte Caldelas que deberán entregar antes do 31 de maio.

A primeira das excursións terá lugar o vindeiro 19 de xuño e terá como punto de destino os concellos ourensáns de Allariz, Ribadavia e Celanova. A saída será ás 9:30 horas desde as inmediacións do CEIP Cordo Boullosa e a chegada ao mesmo lugar ás 21:30 horas. Os participantes, que poderán disfrutar da excursión de xeito gratuíto, poderán xantar nunha carballeira ou área recreativa da zona coa comida que leven da casa ou por conta propia nalgún dos establecementos hostaleiros existentes nas inmediacións.

O Concello de Ponte Caldelas contará con seguro de asistencia en viaxe coa compañía Mapfre e resérvase o dereito de decreta-la suspensión da actividade no caso de que a mesma non conte cun mínimo de 55 participantes ou por calquera outra causa debidamente xustificada.

NORMAS DE PROCEDEMENTO PARA OS INTERESADOS

Os interesados na realización das diversas viaxes deberán de encher unha folla de preinscrición na que farán constar aquelas vaixes nas que estarían interesados en participar. Esta preinscrición farase en modelo normalizado facilitado a tal efecto nas Oficinas Municipais e será presentado nesta en horario de rexistro con data tope o 31 de maio de 2016, ás 14:00 horas.

Unha vez rematado o prazo de preinscrición, por parte do Servizo de Cultura confeccionarase a lista de admitidos a cada viaxe así como as viaxes que finalmente se levarán a cabo.

En caso de que o número de solicitudes supere o de prazas procederase da seguinte maneira: Terán preferencia os solicitantes que figuren empadroados no Concello de Ponte Caldelas, respectarase a orde de entrada en Rexistro quedando en lista de espera, unha vez se cubran as prazas, os interesados que presentasen máis tarde a preinscrición. Se ben na preinscrición se poderá sinalar a preferencia polas distintas viaxes, e aínda tendo en conta os puntos anteriores, o aspirante non será admitido nunha segunda viaxe se o mesmo conta con interesados en lista de espera que non foran admitidos en ningún outro. É dicir, se un aspirante se preinscribe en dúas viaxes e o outro en data posterior se preinscribe nas mesmas concederáselle unha actividade a cada aspirante tendo preferencia de elección o anterior na entrada de Rexistro.

Do mesmo xeito, e para facilitar que os interesados poidan acceder ás excursión preferidas, se non quedan prazas para a actividade elixida como número 1, pasaráselle a considerar como prioritaria a elixida como número 2 e así sucesivamente.

En canto á documentación a presentar os interesados deberán achegar fotocopia do Documento de Identidade. No caso de menores de idade deberán asistir á viaxe acompañados do pai/nai/titor que serán quen figure como solicitante da actividade.

O programa exclúe as inscricións colectivas, é dicir, as solicitudes de participación deberán de ser individuais e persoais, nunca presentadas por asociacións, comunidades, etc.

Unha vez pechado o prazo de inscrición por parte do servizo correspondente realizaranse os listados de admitidos a cada viaxe, séndolle comunicado por carta a cada un. Na data de celebración da excursión os asistentes á mesma deberán de levar o documento de identidade e a carta recibida.

Con este programa o equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas pretende ofertar toda unha serie de posibilidades para que os veciños e as veciñas do municipio teñan a oportunidade de coñecer outras realidades de Galicia dun xeito lúdico e cun atractivos turístico e cultural.

Segundo o alcalde, Andrés Díaz “pretendemos mellorar a calidade de vida das persoas e poñer en marcha políticas sociais con modestia e humildade, pero que resulten atractivas para os cidadáns. Queremos, sobre todo, que aquelas persoas que non tiveron oportunidade de viaxar, de percorrer Galicia o fagan con axuda do Concello. Queremos achegar a posibilidade de coñecer outras realidades sobre todo a persoas maiores que traballaron durante toda a súa vida e non tuveron ocasión de disfrutar deste tipo de tempo de lecer”.

Deja un comentario