+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra e o concello de Pazos de Borbén impulsarán proxectos comúns ao longo da lexislatura


Pazos de Borbén recibe este ano do Plan Concellos preto de 380.000 €, un 11,12% máis que en 2015, dos cales máis do 40% está xa adxudicado

Na súa primeira visita institucional ao Concello de Pazos de Borbén, a Presidenta da Deputación, Carmela Silva, comprometeuse co alcalde, Andrés Iglesias, e co tenente de alcalde, Severino Reguera, a prestar toda a colaboración do seu goberno para traballar conxuntamente nos proxectos que ten pendentes este municipio.

A Deputación de Pontevedra concedeu a Pazos de Borbén, este ano, 379.782,54€ do Plan Concellos, é dicir, preto de 40.000 € máis que en 2015, que o municipio poderá destinar a financiar emprego, investimentos, actividades e gasto corrente. Na actualidade, a institución provincial adxudicou xa máis do 40% do importe que lle corresponde a Pazos de Borbén, é dicir 155.384,48 €, que o concello está a investir en gasto corrente, eventos deportivos e lúdicos e contratación de 20 traballadoras e traballadores.

Amais, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lembrou ao alcalde que todos os colectivos sociais, culturais, deportivos e de calquera índole tamén poden optar a subvencións e axudas que se tramitan polo sistema de libre concorrencia. Neste contexto, a Silva recoñeceu a dificultade de xestionar os escasos recursos dos municipios máis pequenos e por elo avanzou que ademais do incremento do Plan Concellos, “estamos a elaborar plans de actuación en todas as áreas como deportes, turismo, cultura ou política social”, sinalou.

No transcorrer da reunión de traballo, que se desenvolveu nun ambiente de total cordialidade, a Presidenta da Deputación asinou no libro de honra do concello de Pazos de Borbén.

Deja un comentario