+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018

Cuíña reproba a deslealdade institucional do PP e denuncia a instrumentalización política que fai das administracións públicas


O alcalde afirma que a reunión de Crespo co conselleiro de Sanidade constitúe un “grave insulto” ao conxunto dos lalinenses

 

O alcalde de Lalín cualificou esta mañá de “vergoñenta” a reunión mantida onte polo conselleiro de Sanidade e o portavoz da oposición no Concello. Para Rafael Cuíña este encontro é a constatación palpable de que o Partido Popular “xa está inmerso na precampaña das autonómicas e agora trata de buscar pretextos á súa total incompetencia e mala fe á hora de cumprir cos compromisos adquiridos coas veciñas e veciños de Lalín”.

O rexedor asegura que esta xuntanza non só constitúe “un penoso exercicio de desleadade institucional”, senón que tamén demostra que o Partido Popular “segue a instrumentalizar as administracións públicas con fins partidistas e electoralistas, unha forma moi turbia de facer política e que a bo seguro vai recibir o castigo que se merece nas urnas”.

“O pobo de Lalín”, afirma Cuíña, “leva anos agardando que a Xunta do señor Feijoo responda ás importantes necesidades que ten a vila en materia sanitaria e deixe de facer anuncios pirotécnicos baleiros de contido que nunca chegan a concretarse”. Todo o sucedido co CAR “é un exemplo claro de que o Goberno galego leva anos tomándolle o pelo aos lalinenses, co Partido Popular de Lalín como colaborador necesario e con José Crespo como principal cómplice deste grave insulto ao conxunto da veciñanza de Lalín”. “No canto de partirse a cara para defender os intereses do concello nun tema tan sensible como a saúde da xente”, insiste o alcalde, “os máximos responsables desta ignominia aínda teñen o descaro de sacarse unha foto para seguir poñendo pretextos inverosímiles á construción do CAR, con Crespo como un simple monaguillo dicindo amén a todo”.

Por último, o rexedor recoméndalle ao portavoz do PP que “deixe de protagonizar o seu particular crepúsculo dos deuses e de vivir fóra da realidade”. “A min”, afirma Cuíña, “que Crespo se siga a crer o alcalde non me importa, pero polo ben da súa imaxe pública debería regresar ao planeta Terra”, xa que, en caso contrario “pode pasarlle como a Johnny Weissmuller, que acabou os seus días crendo que de verdade era Tarzán, ou como a Bela Lugosi, que os acabou durmindo nun ataúde pensando que era Drácula”.

Deja un comentario