+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

O bádminton escolar ten unha cita esta fin de semana en Ponteareas


 

O campionato Escolar Zonal organizado polo Club Bádminton Ponteareas celébrase o 10 de abril no Pavillón Álvaro Pino

Preto de 120 nenos e nenas de diferentes centros escolares das comarcas do Condado e A Paradanta competrirán o vindeiro domingo, 10 de abril, dende as 09:00 ata as 15:00 horas, no Pavillón Álvaro Pino de Ponteareas con motivo da celebración do Campionato Escolar Zonal, organizado polo Club Bádminton Ponteareas en colaboración co Concello de Ponteareas, co Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia e coa Asociación Deportiva Escolar do Condado.

O torneo estará dividido en catro categorías (benxamín, alevín, infantil e cadete) e os cativos que participarán terán unha idade comprendida entre os 6 e os 16 anos. Todos eles foron seleccionados ao longo de varias xornadas deportivas de bádminton entre distintos centros educativos da comarca a través das Xornadas Escolares, nas que concursaron case 800 alumnos.

Os mellores clasificados do campionato que se organizará o domingo, 10 de abril, pasarán a participar no Torneo Escolar Zonal Condado Paradanta Baixo Miño, o cal se celebrará o próximo 15 de maio.

O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, eloxiou “o espectacular labor de divulgación das virtudes dun deporte como bádminton que está a facer o Club Bádminton Ponteareas, cuxos resultados xa se están a visualizar nos recentes ouros conseguidos nos campionatos galegos feminino sub 11 e masculino sub 9”. Márquez aproveitou para “animar a toda a veciñanza da comarca a asistir a un campionato do que estou seguro sairán máis xogadores e xogadoras que acadarán éxitos en cotas máis altas”.

Os centros participantes son o IES Val do Tea, o IES Ponteareas, o IES Salvaterra, o CEIP Bouza Brey, o Colexio A Inmaculada, o CPI Mondariz, o CEIP Santiago de Oliveira, o CEIP Antonio Blanco Covelo, o CEIP Feliciano Barrera Gulans, o CEIP Ramiro Sabell Mosquera e o CEIP Infante Felipe de Salvaterra.

Deja un comentario