+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019

Mos amosa o seu apoio ó talento dunha violinista precoz


Laura Morales Rejas, veciña de Torroso, ingresou na Sinfónica de Galicia dous anos antes da idade mínima
O Concello de Mos quixo amosar o seu apoio e admiración a unha xove promesa do violín que dende fai xa un ano forma parte da Sinfónica galega. A concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, mantivo esta tarde un encontro con Laura Morales, violinista mosense con 15 anos recén cumplidos, que entrou con 14 anos na Xove Sinfónica de Galicia, cando a idade mínima é de 16 anos. Ademais vai dous anos adiantada no Conservatorio.

A intención desta moza, veciña da parroquia mosense de Torroso, é ir a estudiar ao estranxeiro o vindeiro ano. Este é o seu principal e máis inmediato obxectivo académico. É por elo que o Concello de Mos lle presentou o seu apoio e recoñecemento “por ser unha precoz promesa da música e un exemplo a seguir pola mocidade mosense, dados a súa capacidade de esforzo, superación, traballo e forza de vontade”, segundo hoxe declaraba Cebreiro, edil mosense de Cultura.

Nacida o 4 de abril de 2001 nunha familia de músicos, Laura Morales Rejas é a maior de catro irmáns. Comeza os seus estudos musicais á idade de 5 anos na Escola Municipal de Música de Mos en Torroso. Alí recibe as súas primeiras leccións de violín. Á idade de 9 anos accede ao Conservatorio Profesional de Música de Vigo, onde recibe clases de Marcos Escobar.
Aos 11 anos ingresa no persoal da Orquestra Xove 430 de Vigo, actividade que compatibiliza na actualidade coa Orquestra do Conservatorio Profesional Senior de Vigo, onde cursa os seus estudos musicais. Nesta segunda orquestra tocou de solista o concerto de Bach en la menor á idade de 12 anos. Ese mesmo ano foi preseleccionada no Concurso de Peregrinos Musicais de Santiago de Compostela.
Na actualidade, cursa quinto curso de grao profesional, á vez que terceiro da ESO, e asiste regularmente a clases co violinista, profesor da Escola de Altos Estudos Musicais e membro de Orquestra Filharmonía de Santiago de Compostela, Gregori Nedobora, e coa profesora Fumika Yamamura, membro da Orquestra Sinfónica de Galicia.
En 2015 realiza as probas de acceso á Xove Orquestra Sinfónica de Galicia con 14 anos, a pesar de que a idade mínima para realizala é de 16, e accede como membro activo ao persoal. Con ela xa actuou en diversos recitais na Comunidade Autónoma Galega, baixo a dirección do Mestre italiano Alberto Zedda.
Realizou cursos de interpretación violinistísica con Nicolás Ortiz, Diana Tischenko e Evelio Tieles en calidade de activa.
E ademáis Laura ten un expediente brillante, tanto no Conservatorio como no I.E.S. de Mos.

Deja un comentario