+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Xuño de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación organiza unha xornada de sensibilización sobre a situación das persoas refuxiadas en Europa


A xornada, titulada “Na procura de refuxio”, #cabemostod@s,terá lugar o 29 de abril no salón de plenos do Pazo Provincial

A Deputación de Pontevedra acolle o 29 de abril a xornada “Na procura de refuxio”, coa intención de sensibilizar a cidadanía sobre a dramática situación que están a vivir miles de persoas refuxiadas que se viron forzadas a deixar os seus fogares e desprazarse a Europa, fuxindo de diferentes conflitos bélicos, principalmente de Siria. “Ante a maior crise humanitaria do noso tempo, a Deputación ten a obriga ética e moral de non mirar para outro lado”, sinalou a presidenta, Carmela Silva. “Dende aquí queremos facer un chamamento ás institucións europeas para que, desde unha posición humanitaria, proporcionen acollida ás persoas que fuxen da guerra e da miseria”.

Para facilitar a comprensión do que está a acontecer, a xornada de sensibilizaciónexpoñerá as experiencias en primeira persoa de profesionais e institucións que visitaron a zona. As diferentes charlas e debates están organizadas en tres bloques temáticos, dedicados ao traballo das ONGs no terreo, o voluntariado e os medios de comunicación. A sesión pecharase coa inauguración da exposición “Exodus: o drama dos refuxiados en Europa”, que amosa a través de fotografías as vivencias persoais na denominada ruta dos refuxiados. A asistencia ao evento é libre ata completar aforo.
A programación iniciarase ás 9.00 h co bloque dedicado ás ONGs e a intervención da responsable de Unicef Galicia, Gloria González, que falará sobre os nenos e nenas perdidos nas fronteiras europeas. A continuación, a responsable de Médicos Sen Fronteiras en Galicia, María Díaz, detallará o traballo asistencial da súa organización coas persoas refuxiadas e, finalmente, Natalia Monje, responsable de comunicación de Ecos del Sur falará sobre o dereito e a atención das persoas refuxiadas na comunidade galega.

O bloque sobre o voluntariado terá lugar a partir das 11.30 h, cun coloquio de galegas e galegos solidarios. Neste contexto, participarán PeterPunk, de Pallasos en Rebeldía e desprazado ao campo de refuxiados deIdomeni, Celia López, voluntaria en Lesbos, e Javier Losada, gardacostas do Pesca I e desprazado ao mar Exeo.

O seguinte tema, sobre a cobertura mediáticae o uso de novas ferramentas de comunicación, abordarase mediante unha mesa redonda, que se iniciará ás 12.30 h coa intervención de Nour Al-HussenVilla, politóloga galega-siria, José Luís Barreiro, xornalista e responsable de comunicación da ONG Entreculturas de Vigo, Cristian López, xornalista freelance, e Héctor Ortega, licenciado en Dereito.

A xornada pecharase ás 13.30 coa presentación da exposición fotográfica “Exodus:o drama dos refuxiados en Europa”, que se exhibirá na entrada do Pazo da Deputación de Pontevedra ata o 31 de maio. A mostra está composta de imaxes tomadas polos fotoxornalistasgalegos Felipe Carnotto e Adrián Irago entre setembro e outubro do ano pasado, e reflicte as vivencias das persoas refuxiadas na súa viaxe polos Balcáns e Lesbos.

Segundo a Organización Internacional para Migracións, no 2015 chegaron a Europa 1,2 millóns de refuxiados e preto de 3.000 persoas faleceron no Mediterráneo durante o éxodo. A presidenta da Deputacion, Carmela Silva, referiuse a estas cifras para esixirlles aos gobernos de España e da Xunta que promovan medidas reais de acollida ás persoas refuxiadas.

Deja un comentario