+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

Ponteareas leva a Pleno ampliar a cobertura das axudas de emerxencia social


 

A modificación da Ordenanza xa foi debatida no Consello Sectorial Social

A sesión plenaria ordinaria do vindeiro martes, 19 de abril, servirá para debatir a aprobación da Ordenanza Municipal de Emerxencia social. A proposta, que será presentada polo concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Troncoso, é “o resultado dun traballo conxunto realizado por todos os axentes que forman o Consello Sectorial Social e cuxa elaboración foi rexida baixo parámetros de democracia participativa”, tal e como vén de afirmar o propio Troncoso.

O goberno local, que xa anunciou un incremento de máis 50% na partida orzamentaria de 2016 destinada a tratar os casos de emerxencia social constatados polo departamento municipal de Servizos Sociais, pretende, coa aprobación desta ordenanza, “seguir aumentando o número de instrumentos que permitan loitar contra a exclusión social, modificando a normativa para atender a máis familias que están nunha situación económica límite e que ata agora quedaban excluídas das axudas de emerxencia social, incrementando a contía das propias axudas e integrando o Centro de Reparto de Alimentos na propia Ordenanza de Emerxencia Social, para que a xestión do mesmo se realice cos mesmos criterios que o resto das axudas de emerxencia”.

As axudas de emerxencia social están pensadas para persoas ou familias que se ven incapaces de cubrir as súas necesidades básicas de alimentación, ou que non son capaces de pagar o aluguer, ou os gastos vinculados á vivienda, como auga, electricidade ou calefacción. Tamén contempla os casos de situacións nos que as persoas teñen que facer fornte a determinados gastos imprevistos e imprescindibles, como os tratamentos para unha enfermidade ou danos na vivenda, pero carecen dos recursos económicos precisos para asumilos.

Manuel Troncoso tamén explicou que “as bases existentes na actualidade non contemplan, entre outras cuestións, algunhas axudas como, por exemplo, a dación de alimentos perecedoiros, por iso o goberno optou por modificar o documento e levalo a Pleno para a súa posterior aplicación en beneficio dun maior número de persoas que desafortunamdamente teñen moitas dificultades para cubrir estas necesidades”. As persoas beneficiarias destas axudas deben estar nunha situación de emerxencia social verificada polo departamento municipal de Servizos Sociais.

O Consello Sectorial Social é un órgano consultivo formado polo Concelleiro de Servizos Sociais; a concelleira de Benestar e Igualdade; un membro de cada grupo político con representación municipal; un membro de cada grupo político sen representación municipal; un representante de cada asociación e colectivo sen ánimo de lucro que realice actividades sociais demostradas en Ponteareas; un representante de cada organización sindical no ámbito da Comunidade Galega; un representante da FANPO e de cada ANPA con actividade no municipio e un responsable técnico dos Servizos Sociais do Concello de Ponteareas, que actúa como secretario.

Deja un comentario