+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

Os 16 concellos do Salnés-Ulla-Umia inician os trámites para a creación do novo grupo de desenvolvemento rural


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presidiu esta mañá a reunión que tivo lugar no edificio administrativo de Campolongo e ao que acudiron os alcaldes destes municipios

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presidiu esta mañá a primeira reunión conxunta dos 16 concellos que conformaban os GDR de Salnés e Ulla-Umia co obxectivo da posta en marcha do novo grupo de desenvolvemento rural que permitirá a presentación de proxectos dentro do programa Leader Galicia 2014-2020.

A reunión tivo lugar no edificio da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, é a mesma asistiron alcaldes e representantes dos concellos de O Grove, A Illa, Meaño, Meis, Portas, Catoira, Cambados, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Caldas de Reis, Pontecesures, Moraña e Valga. Non asistiron os municipios de Vilagarcía de Arousa nin de Cuntis.

No anterior territorio de actuación existían 31 GDRs en Galicia, 6 deles correspondentes a Pontevedra, que agora pasa a contar con 5. Deste xeito, hoxe reuníronse os membros representativos dos GDRs do Salnés e máis de Ulla-Umia para unirse nun só grupo de desenvolvemento rural que pasará a chamarse, segundo acordaron hoxe: GDR Salnés-Ulla-Umia. Os concellos de Forcarei e A Estrada que se atopaban incluídos no grupo rural Ulla-Umia-Lérez pasarán a formar parte do GDR do Deza.

Durante o encontro de hoxe, deuse un paso adiante cara a constitución deste novo GDR, despois de que se celebrasen xa dúas reunións previas por separado de cada un dos grupos existentes ata o de agora.

Na reunión de hoxe acordouse traballar en 3 ámbitos á vez: na reforma do estatuto do novo grupo, na distribución territorial e na preparación da estratexia programática.

Para a reforma do estatuto acordouse tomar como base o existente xa no GDR-Salnés, integrándose no mesmo o resto de concellos procedentes do do Umia-Ulla. Así, cada concello terá agora que aprobar en pleno a entrada no novo grupo. Os cambios previstos son o do nome do GDR nacente, a súa modificación territorial con maior número de concellos, e a regulación da xunta directiva que pasaría, con case total seguridade, a contar con 21 membros en lugar de 19, dos cales 10 serían representantes da administración e os outros 11 do sector privado.

E finalmente, hoxe tamén se abordou a preparación da estratexia futura do GDR, tomándose a decisión de solicitar ofertas a empresas especializadas en programas de desenvolvemento rural, dándose de prazo unha semana para volver a reunirse de cara a elección das ofertas máis axeitadas.

O proceso culminará coa celebración dunha Asemblea constituínte na que se aprobarán os seus estatutos, escollerase unha xunta directiva e se establecerá un plan de traballo para elaborar a estratexia de desenvolvemento local. Finalmente, tras a asemblea o GDR, xa formalmente constituído, deberá comezar a definir o programa de desenvolvemento para o seu territorio.

Os membros deste novo GDR son conscientes de que teñen que desenvolver a súa estrutura de cara a poder converterse en entidade colaboradora para a a xestión da medida Leader Galicia e para a concesión de axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento.

Segundo apuntou José Manuel Cores Tourís, o orzamento deste novo programa será de 84 millóns de euros para toda Galicia que se xestionará a través de 24 GDRs.

Consolidación de 280 postos de traballo
O delegado territorial destacou a importancia dos proxectos desenvolvidos cos Grupos de Desenvolvemento Rural, que no Salnés e no Ulla-Umia permitiron desenvolver 133 proxectos e dun total de 6,1 millóns de euros de investimento.

A nivel provincial, o programa Leader permitiu desenvolver nesta provincia a través dos GDRs 462 proxectos cunha axuda económica de máis de 20 millóns de euros.

O enfoque Leader persegue unha aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando todos os recursos e actores económicos e humanos que na comarca de actuación existan.

Para asegurar esa participación creáronse os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), entidades sen ánimo de lucro, con socios públicos e privados que seleccionan os proxectos que lles permiten levar a cabo a súa estratexia de desenvolvemento. Os proxectos soen ser de natureza produtiva, orientados a xeración de emprego e riqueza, ou non produtivos, que perseguen a dotación de servizos e equipamentos.

Deja un comentario