+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

ANDRÉS DÍAZ CUALIFICA DE MOI PROVEITOSA A REUNION CON ABEL CABALLERO


O alcalde de Ponte Caldelas subliña que a Área  Metropolitana de Vigo é un exemplo a seguir de colaboración supramunicipal

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, mantivo hoxe unha xuntanza co seu colega de Vigo e presidente da Área Metropolitana, Abel Caballero, na que abordaron posibles xeitos de colaboración. Díaz Sobral amosouse moi satisfeito tras a conversa, e subliñou que atopou un magnífico recibimento por parte de Caballero, a quen cualificou como un gran alcalde e un referente no municipalismo galego e español.

Díaz Sobral destacou que nos próximos días manterá encontros con técnicos vigueses e o concelleiro, David Regades, co obxecto de analizar e estudar os custos e beneficios que suporía integrarse na Área Metropolitana. En principio, explicou, estamos interesados no transporte metropolitano, porque moitos dos nosos veciños traballan na área de Vigo, pero tamén queremos explorar a xestión dos residuos sólidos urbanos, onde podemos acadar importes aforros unha vez que remate a nosa concesión.

O alcalde de Ponte Caldelas destacou que a Área Metropolitana é un proxecto flexible e coas portas abertas,  no que cada concello pode elixir os servizos que decide compartir. Creo que Ponte Caldelas pode atopar alianzas moi rendibles e se os números nos demostran que resulta beneficioso para o noso municipio, eu defenderei integrarnos naquelo que nos interese. Unha idea coa que coincidiu plenamente con Abel Caballero, quen mesmo o animou a participar na próxima reunión da entidade. Non en van, explicoulle, o proxecto inicial da Área estaba concibido para 14 municipios e agora xa están barallando a inclusión de 28.

O rexedor caldelán destacou que Ponte Caldelas está a 27 Km de Vigo, máis preto que Fornelos de Montes ou Salvaterra de Vigo. O propio Abel Caballero comentoulle que os vigueses beben auga de Ponte Caldelas, extraída do encoro das Eiras, polo que os vínculos con Ponte Caldelas son claros. Todo elo, coincidiron ambas partes, con independencia de que Ponte Caldelas poida buscar tamén alianzas con Pontevedra, a outra gran cidade da provincia e coa que mantén estreitos vínculos sociais e económicos. “Nós queremos sumar, estudar todos os aforros e melloras posibles na prestación de servizos e ofrecerlle aos nosos veciños un proxecto de futuro”, recalcou Díaz.

Andrés Díaz opinou que a Área Metropolitana é un exemplo de como afrontar o futuro do municipalismo no século XXI. Un proxecto que suma, que agrega, e que está concibido en termos do que interesa aos cidadáns. O propio Estudo de Viabilidade di na súa introdución que ningún ente supramunicipal é viable ou inviable a priori, senón que só a comparación entre os custos de explotación conxunta ou individual dos servizos permite averigualo. Un proxecto no que participan non só os municipios, senón tamén a Deputación e a Xunta, e que abre oportunidades de colaboración co Estado e a Unión Europea.

O alcalde caldelán, preguntado polos xornalistas á saída da xuntanza, destacou as diferenzas coa pretendida fusión entre Cotobade e Cerdedo. Máis alá da envergadura dos dous proxectos, hai unha diferencia enorme no xeito de facer as cousas. Ahí queren fusionar dous concellos en cinco minutos e sen estudos de ningún tipo. A día de hoxe, ninguén sabe o impacto que esa fusión vai ter na prestación dos servizos ou na presión fiscal. Esa fusión é unha operación política do Partido Popular, feita sen ningún estudo de viabilidade e de costas aos veciños, aos que mesmo se lles furtou a información durante a campaña das Eleccións municipais.

A propósito da súa oferta de comezar cunha fusión entre Ponte Caldelas e Cotobade, Andrés Díaz indicou que, a priori, parece máis racional, pois conseguirían superar o umbral dos 10.000 habitantes, como recomenda a Unión Europea, e accederían a un nivel de financiamento superior. O contrario é sumar un territorio moi extenso, cunha gran dispersión poboacional e que mesmo pode supoñer un encarecemento dos servizos.

Díaz Sobral recalcou que respecta a autonomía do Concello de Cotobade, aínda que se altere o mapa municipal na contorna. Creo que isto non debería facerse así, nin que se nos diga frivolamente que nos fusionemos con A Lama, porque podería supoñer a repetición do mesmo erro que estamos a criticar, sumar un territorio demasiado extenso, que chega á provincia de Ourense, pero que só nos achega algo máis de 2.000 habitantes.

Durante a conversa con Abel Caballero o rexedor caldelán destacou que o principal obxectivo do seu mandato vai ser consolidar a senda de crecemento poboacional en Ponte Caldelas, despois de invertir a tendencia do nefasto legado demográfico que deixou o PP. Non podemos permitirnos baixar do listón dos 5.000 veciños. “Nos catro anos do anterior mandato, o meu municipio perdeu case 2.000 veciños; agora, en oito meses, conseguimos invertir esa tendencia e crecemos en 53 novos residentes, fundamentalmente creando condicións que fagan atractivo vivir entre nós, porque, de feito, o saldo vexetativo, ou diferencia entre nacementos e defuncións segue a ser negativo”.

O futuro Plan Xeral de Ordenación Urbana, que o equipo de goberno vai tramitar, é unha ferramenta nesa dirección, porque vai permitir un crecemento racional na vila e nos núcleos rurais. Pero tamén o é unha política fiscal baseada na contención (por contraposición á suba na presión fiscal producida no anterior mandato) ou mesmo na eliminación de taxas, como a que gravaba ata hai ben pouco a utilización do Pavillón Municipal. Somos un goberno progresista e queremos que se note en todos os eidos da actividade municipal.

A outra gran teima do Goberno local vai ser a redución da débeda municipal, pois o PP deixounos un Concello empeñado e iso compromete moito a prestación de servizos de calidade. Un aspecto no que Díaz Sobral aproveitou para pedir consello a Abel Caballero, quen ostenta o mérito de ter reducido a cero a débeda municipal viguesa.

Son obxectivos moi ambiciosos, nos que imos necesitar toda a axuda posible. A Área Metropolitana pode ser un instrumento útil que nos axude a acadalos, rematou o alcalde.

Deja un comentario