+034 986 09 02 04 Xoves 19 de Xullo de 2018

O PSIQUIATRA VÍCTOR PEDREIRA ANALIZA AS CAUSAS DA DEPRESIÓN NA SOCIEDADE ACTUAL A TRAVÉS DUNHA CONFERENCIA PRESENTADA POLO ALCALDE DE PONTE CALDELAS, ANDRÉS DÍAZ


Desvela estudios que relacionan o aumento dos suicidios coa suba dos índices do desemprego

 

O psiquiatra Víctor Pedreira Crespo analizou as principais causas que aumentan a presenza da depresión na sociedade actual a través dunha conferencia pronunciada nun abarrotado salón de actos do Centro Cultural de Ponte Caldelas. O prestixioso doutor foi presentado polo alcalde Andrés Díaz quen agradeceu a súa participación e colaboración desinteresada neste evento, enmarcado dentro do amplio programa de dinamización sociocultural que está levando a cabo o novo equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas.

Víctor Pedreira centrou a súa intervención en definir os distintos tipos de depresión e das súas diferentes causas e centrouse especialmente na chamada “depresión reactiva”, que é a máis frecuente e está relacionada coas circunstancias e acontecementos adversos da vida cotiá y en especial os efectos producidos polo forte impacto na sociedade e no estado emocional das persoas da crise económica.

Pedreira Crespo foi introducindo ao público concentrado nun abarrotado salón de actos do Centro Cultural nun mundo complexo e preocupante a través dunha exposición de alto nivel pedagóxico e de fácil comprensión para os legos na materia. A través de estudios efectuados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e diferentes organismos europeos foi relacionando o aumento do número de persoas atendidas nos centros de saúde por doenzas psicosomáticas e afeccións mentais co aumento do desemprego e a crise económica.

Tamén fixo público un estudio que relaciona o aumento dos suicidios co crecemento das taxas de desemprego e incluso revelou a conclusión que canto máis medra o Produto Interior Bruto (PIB) máis vidas se salvan das estatísticas que recollen as mortes autoinflixidas. Como dato curioso, sinalou a provincia de Lugo como a de maior suicidios de España con 16 casos por cada 100.000 habitantes fronte a só un caso en comunidades como a de Madrid.

Factores como o envellecemento da poboación, o aillamento a soidade e o desamparo social foron tamén analizados polo psiquiatra como elementos que contribúen a aumentar os casos de depresión e a incidencia sobre as estatísticas de suicidios.

Outra cuestión que foi abordada na conferencia foi a relacionada co tratamento da depresión, tanto farmacolóxica como psicolóxicamente e mencionou algunhas estratexias para a súa prevención e curación onde o factor combinatorio entre a vontade do enfermo e a axuda dun psicoterapéutica son fundamentais para o éxito no proceso.

Ao rematar a súa intervención producíronse varias intervencións do público que lle trasladaron varias preguntas ao eminente psiquiatra entre eles unha relacionada cun novo medicamento para tratar a depresión. Sobre este tema Víctor Pedreira confesou non coñecelo, xa que leva retirado da actividade médica activa desde hai anos pola súa xubilación, pero animou aos presentes a desconfiar dos “medicamentos miragre” porque dixo que aínda que os fármacos axudan é fundamental a combinación da interacción entre o paciente e un psicoterapeuta porque “os medicamentos non son a panacea, son un instrumento que debe usarse ben e cando é axeitado senón pode producir o efecto contrario. Non creo nas píldoras como elemento único e exclusivo para resolver o problema e ver o mundo de cor de rosa. O paciente, coa axuda profesional, debe ter un papel activo na súa curación. Ademais teño que recoñecer que detrás deste tipo de medicamentos miragre sempre están os intereses económicos das farmacéuticas que non sempre coinciden co interese xeral sanitario”, sinalou.

 

Víctor Pedreira Crespo, entre outras moitas responsabilidades, foi xefe do Servizo de Psiquiatría do Hospital Provincial de Pontevedra, director médico do Psiquiátrico do Rebullón de Vigo, responsable do Plan Galicia sobre Drogas e da Rede de Saúde Mental e lle foi concedida polo Ministerio de Sanidade a Cruz Branca da Orde do Mérito do Plan Nacional sobre Drogas.

Deja un comentario