+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

O Centro Demostrador TIC renova a sua presenza na rede cun novo portal e unha App, que permite inscribirse nas súas actividades e seguilas en streaming desde o móbil


 

O escaparate tecnolóxico de Galicia ofrece a empresas e profesionais unha web máis intuitiva e accesible e espazos específicos para ambos perfís

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de renovar a presenza na rede no Centro Demostrador TIC cun novo portal, cdtic.xunta.gal, e unha aplicación que facilitarán a consulta, inscrición e seguimento das actividades do Centro para empresas e usuarios.

O obxectivo da App é permitir aos usuarios do centro consultar a axenda de actividades, incorporalas ao seu calendario persoal, inscribirse nelas e compartir contidos a través das redes sociais. Ademais, as persoas usuarias poderán visualizar nos seus dispositivos móbiles aquelas actividades transmitidas por streaming.

Outra das funcionalidades da App é que permitirá unha maior interacción durante a celebración dos seminarios, facilitando o intercambio e recompilación de datos e opinións en tempo real entre asistentes e formadores ou poñentes.

A aplicación xa está dispoñible na Play Store de Android e na Apple Store buscando o epígrafe “CdTIC”.

Nova web: máis contido audiovisual e servizos agrupados por colectivos
Entre as principais novidades de cdtic.xunta.gal destaca un novo deseño máis visual e interactivo, así como unha optimización da súa usabilidade nos distintos dispositivos e formatos de pantalla, como os smartphones ou tabletas.

O novo portal prioriza o contido audiovisual do Centro Demostrador, con novas seccións como “En diferido” onde se poderán visualizar de novo os seminarios celebrados no CDTIC, ou “Experiencias TIC” onde directivos ou xerentes de empresas comparten de primeira man a súa experiencia no uso tecnoloxía.

Os diversos contidos e servizos da web aparecen agrupados segundo o colectivo ao que vai dirixido, profesionais e empresas ou empresas TIC, facilitando deste xeito un acceso rápido e personalizado aos mesmos.

No Espazo Privado para Profesionais e Empresas, os usuarios do Centro poderán inscribirse nas próximas actividades do centro, levar un histórico das actividades nas que teña participado, descargar a documentación e material divulgativo, así como, probar e analizar aplicacións empresariais libres na nube a través do CDTIC Virtual.

Pola súa banda, no Espazo Privado para o Empresas TIC, os provedores tecnolóxicos poderán xestionar a información da súa empresa no MapaTIC.gal; facer unha reserva para presentar as súas solucións tecnolóxicas no CDTIC; seguir as inscricións nas súas actividades, así como obter un informe personalizado no que se recolle o perfil dos asistentes e unha valoración dos seus produtos e servizos.

CDTIC, escaparate tecnolóxico de Galicia
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das PEMES de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda o resto dos sectores empresariais galegos.

O obxectivo principal do CDTIC é amosar e demostrar ás empresas e profesionais os beneficios que as TIC poden ofrecer ao seu negocio. Para conseguilo o CDTIC ofrece ao sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos, servizos.

As actuacións do Centro enmárcanse nas medidas da Axenda Dixital de Galicia 2020 para impulsar a dixitalización empresarial na Comunidade.

O CDTIC é unha iniciativa promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a entidade pública empresarial Red.es, adscrita ao Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, e cofinanciada con fondos FEDER.

Deja un comentario