+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

Poesía visual nas aulas de Covelo co poeta Davil Fernández Rivera


 

O poeta, dramaturgo, director, artista plástico e educador, David Fernández Rivera (Vigo, 1986) visitou onte aos alumnos de quinto de Educación Primaria do C.E.I.P. Antonio Blanco Rodríguez de Covelo coa vontade de ofrecerlles o taller de poesía visual “Proxecto Caligrama 2000”, organizado pola Concellería de Cultura. O xoves 21 serán os alumnos de sexto curso os que poderán gozar desta ambiciosa proposta.
David considera que o colectivo infantil, debidamente direccionado, normalmente ten unha clara vantaxe sobre o adulto para o goce deste tipo de manifestacións, como Rivera di, “os nenos xamais antepoñen a razón ao máxico, á súa creatividade”.
Tanto é así que David non busca ofrecer un conxunto de adaptacións infantís, todo o contrario, el afástase delas para crear e aprender sobre o aparente hermetismo de obras como as de Brossa ou Apollinarie, ademais dalgunhas de autoría propia, por poñer algúns exemplos.
A pesares da aparente dificultade do reto, ferramentas como a experimentación guiada, a aprendizaxe por descubrimento e a conversación; fan deste obradoiro un detonante para que, ao termo de cada sesión, os alumnos tracen de modo coral o seu primeiro poema visual.
O que pretende David a través destes obradoiros é a procura dun cambio de perspectiva no neno para algo tan importante para construír a súa identidade e pensamento como o é a poesía. E é que desde a poesía visual, o pequeno chega a comprender que a poesía é inabarcable e que pode e debe chegar a espazos tan interesantes coma o son, o teatro ou a danza. De feito, un dos alicerces deste traballo é o da potenciación das capacidades innatas do infante para poder crecer cos ollos máis abertos.
Este proxecto percorreu diferentes colexios non só en Galicia, senón tamén ao longo do territorio nacional e en Colombia. Este ano David comezou a difundir esta iniciativa en Orihuela (Alicante) coa perspectiva de seguir adiante ao longo deste curso e o seguinte.

Deja un comentario