+034 986 09 02 04 Mércores 13 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Máis de 7.000 alumnos e 570 profesores integran as 45 escolas de música e conservatorios que a Deputación subvenciona


Beneficiaránse 11 entidades de Arousa e Caldas, 7 de Deza e Tabeirós-Terra de Montes e 9 da área de Vigo

Máis de 7.000 alumnos e 570 profesores integran as 45 escolas de música e conservatorios non dependentes da Consellería de Educación e que a Deputación de Pontevedra subvenciona.
A Xunta de Goberno aprobou, na súa xuntanza desta mañá, a concesión de 350.000 euros en axudas a estes centros, que, tal e como sinalou o presidente da Deputación, contribúen á formación musical de milleiros de nenos e nenas na provincia.
En concreto, beneficiaranse destas achegas 10 conservatorios, que percibirán un total de 150.000 euros; 11 escolas de música dependentes de asociacións, que se repartirán 50.000 euros; e 24 escolas de música públicas, dependentes na súa maior parte dos concellos, e que contan cunha achega total de 150.000 euros.
Louzán valorou o labor que desenvolven estas entidades e informou que se está a traballar con todos eles para lograr unha maior coordinación entre todos os centros, de forma que non se xeren as desigualdades existentes actualmente, onde cada centro ten uns prezos diferentes para un mesmo servizo. Así, indicou que o que cobran os profesores dunhas escolas e outras e o que pagan os alumnos pode variar ata nun 100% dependendo do centro, algo que avogou por corrixir.
Deza-Tabeirós
Nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes beneficiaranse das achegas da Deputación as escolas de música de A Estrada, Forcarei, Silleda e Vila de Cruces, os conservatorios de A Estrada e do Padroado Cultural de Lalín e a Banda de Música de Lalín.
Nelas fórmase máis de 80o alumnos, que reciben clase da man de 104 profesores.
En total, recibirán da Deputación unha achega de máis de 56.000 euros.
11 escolas en Arousa e Caldas
As comarcas de Arousa e Caldas aglutinan 11 escolas e conservatorios, que recibirán preto de 84.000 euros. Nelas fórmanse un total de 1.800 alumnos e imparten clases 137 profesores.
As escolas beneficiarias nestas comarcas son a da Asociación Pro-Escola de Música de Vilanova de Arousa; os centros públicos dos concellos de Caldas, Cambados, Catoira, Meaño, Moraña, Valga e Vilagarcía e do Organismo Autónomo Terras de Sanxenxo, e os conservatorios de Cambados e Vilagarcía de Arousa.

Pontevedra e área de influencia
En Pontevedra recibirán axudas a escola de música da Asociación Cultural A Tempo e da entidade Músico Cultural de San Martiño de Salcedo, así como a escola pública de Marín.
Entre as tres suman 435 alumnos e 28 profesores e contan cunha achega de 13.600 euros.
A elas súmanse os conservatorios de Cangas do Morrazo, Gondomar, A Guarda, Ponteareas, Redondela e Tui; as escolas públicas de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mondariz, As Neves, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Tui, e Vigo; e as escolas do Centro Recreativo e Cultural de Torros en Mos; da Agrupación Musical de O Rosal; da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, en Ponteareas; de Amigos da Música de Salceda, así como a Banda Escola de Beade, a Unión Musical de Coruxo e a Unión Musical de Valadares, en Vigo.

Deja un comentario