+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

O Concello pon en marcha os trámites para contratar a ordenación de tráfico no contorno de Fexdega


Investiranse 111.500 euros en abrir un novo acceso para facilitar o acceso e utilización dos aparcamentos públicos do recinto feiral

O servizo de Contratación do Concello traballa xa nos trámites para sacar a licitación as obras de reordenación de tráfico no contorno do pavillón de Fexdega, despois de que a Deputación comunicara a semana pasada ao Concello a inclusión da obra no PUSIM 2014. O investimento desta actuación acada os 111.453,61 euros.

O Concello promove o proxecto «Alternativa de ordenación do tráfico no contorno de Fexdega» co obxectivo de incorporar os viais interiores do recinto á rede viaria pública a efectos de implementar e mellorar as alternativas de circulación e facilitar o uso e acceso ás prazas de estacionamento dos dous aparcamentos públicos de Fexdega. A medida adóptase especialmente para promover o uso destes estacionamentos disuasorios que, pese a súa proximidade ao centro, están infrautilizados. O seu uso, tamén axudaría a desconxestionar o centro urbano do tráfico composto polos vehículos que circulan en busca de aparcamento.

Os traballos previstos consistirán, principalmente, en habilitar un acceso a pé e rodado dende Rodrigo de Mendoza (esquina Andaina) ao aparcamento posterior de Fexdega, e abrir outra vía de saída que conectará o aparcamento posterior coa avenida Rodrigo de Mendoza, pola vía que sae fronte as palmeiras.

Con estas medidas preténdese que resulte máis fácil acceder aos estacionamentos disuasorios, tanto a pé como en coche, e así animar aos condutores a usar esa gran superficie de aparcamento gratuíto co que se conta e que está pegado ao centro da cidade.

Deja un comentario