+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

A modificación da ordenanza de emerxencia social foi aprobada por unanimidade


 

A corporación tamén deu respaldo unánime á moción na que se demanda a “adopción inmediata de medidas de seguridade” na N-120

A sesión plenaria ordinaria celebrada o pasado martes, 19 de abril, permitiu aprobar de maneira unánime dúas propostas de “enorme relevancia para a veciñanza de Ponteareas”, tal e como as definiu os propio alcalde, Xosé Represas e os diferentes voceiros de todos os grupos municipais representados na corporación.

A primeira delas ten que ver coa modificación da Ordenanza Muncipal Reguladora das Axudas de Emerxencia Social, cuxo novo contido contempla “múltiples melloras destinadas a atender a máis familias que están nunha situación económica límite e que ata agora quedaban excluídas das axudas de emerxencia social”, tal e como sinalou na súa exposición, Manuel Troncoso.

O documento aprobado no pleno especifica un aumento no nivel de renda das persoas que poden ser beneficiarias das axudas, que pasa dun 75% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) ao 100% do mesmo. Asemade, a cantidade máxima destas axudas tamén será máis elevada, pasando de 900 euros a 1.350 euros anuais por cada persoa físcia, unidade familiar ou de convivencia.

Nesta mesma liña tamén se poden comprobar aumentos nas axudas previstas para o pagamento de subministros como luz (pasa de 300 a 400 euros anuais), gas (de 200 a 300 euros anuais), ou auga (de 120 a 200 euros anuais); ademais doutras partidas como a relativa aos gastos de atención sanitaria (pasa de 500 a 600 euros anuais) e a referida aos gastos polivalentes, é dicir, aqueles de primeira necesidade que non están reflectidos noutro tipo de axudas, que pasa de 500 a 750 euros anuais.

Esta Ordenanza Municipal recollerá, por vez primeira, axudas para persoas transeúntes (que non están empadroadas no concello), e achegas para a adquisición de alimentos perecedoiros e de produtos básicos de hixiene a través dun vale nominal, acordado con diferentes establecementos do municipio, que permitirá cubrir neste eido a demanda que non poida ser atendida polo Centro de Reparto de Aliemntos.

 
Melloras na N-120

Tal como estaba previsto, o pleno tamén debatiu unha moción previamente acordada por todos os grupos da corporación na que se demandaba ao Ministerio de Fomento “a realización inmediata de medidas de seguridade viaria que permitan unha redución dos accidentes na N-120 ao seu paso polo Concello de Ponteareas, especialmente entre os puntos quilométricos 644,61 e 650,00”. A proposta, que recolle as demandas da plataforma formada polos colectivos sociais de Areas, Arnoso e Xinzo, tamén especifica a instancia “ao goberno do Estado a acometer, urxentemente, as actuacións de obras, sinalización, iluminación e de seguridade viaria necesarias no citado tramo”. Foi aprobada por unanimidade, algo que valeu “o agradecemebto do alcalde pola xenerosidade demostrada por todos acadar un acordo que axudará a resolver un dos graves problemas que ten Ponteareas dende hai máis de dúas décadas”.

Destino Turístico Terras do Condado Paradanta

A corporación deu un amplo respaldo á posta en marcha dun convenio de colaboración con outros concellos para a xestión compartida dun proxecto turístico denominado Terras do Condado Paradanta, para o cal se desenvolverá un Plan de Dinamización Turística que permita optar a diferentes subvencións encamiñadas a resaltar e aproveitar o potencial turístico dos concellos participantes, “tendo como prinicipal obxectivo acadar un retorno económico que vaia en beneficio de todos eles”, salientou Represas.

Outras cuestións

O pleno ordinario do mes de abril tamén valeu para outras dúas propostas. A primeira delas é a que fai referencia á modificación da Plantilla de Persoal, amortizando dúas prazas de Policía Local e creando unha praza de Inspector de Policía.

A segunda ten que ver coa constitución definitiva da Agrupación Municipal de Voluntarios de Protección Civil, así como da normativa que o regulará. Dentro deste acordo plenario, tamén se contempla a dotación dunha partida orzamentaria anual para os gastos derivados da unidade canina que até agora xestionaba a Asociación Vila do Corpus e que a partir deste momento pasará a estar baixo a tutela da nova agrupación municipal. Esta unidade contará con espazo en terreos municipais.

Deja un comentario